A Deputación apoia a Volta Ciclista ao Baixo Miño patrocinando o seu maillot de montaña

A vicepresidenta Luisa Sánchez participou este venres no Pazo provincial na presentación desta proba, que se celebrará o próximo 2 de xuño organizada polo Team Oiense

24/05/2024

A Deputación apoia a Volta Ciclista ao Baixo Miño

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres na presentación da segunda edición da Volta Ciclista ao Baixo Miño, que tivo lugar no Pazo provincial. A proba organizada polo Team Oiense terá lugar o próximo 2 de xuño e conta co apoio da institución provincial, que patrocina o maillot de montaña da competición. No evento tamén participaron Aser Estévez, presidente do Team Oiense e organizador da proba, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde da Guarda e deputado provincial Roberto Carrero. Ao final da presentación, a vicepresidenta provincial recibiu unha camiseta de recordo por parte da organización.

Luisa Sánchez sinalou que "os arredor de 120 ciclistas que chegarán tanto de Galicia, como das nosas veciñas Asturias, Castela e León e Portugal ou tamén de Cantabria, descubrirán o gran potencial desta comarca do sur da nosa provincia formada polos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui". Ademais destacou que o percorrido permitirá aos deportistas "achegarse a importantes recursos naturais do noso territorio" nos que, "malia que o asfalto e os nosos montes serán os auténticos protagonistas, non nos esqueceremos do noso fermoso Océano Atlántico, xa que algúns tramos transcorrerán en paralelo ao mar".

A vicepresidenta da Deputación asegurou que "esta provincia conta co escenario ideal para a práctica do ciclismo e, de feito, por iso somos unha potencia mundial nesta disciplina deportiva". Tamén lembrou que "o noso afán de superación, xunto co empeño do persoal técnico dos clubs e de todo o tecido deportivo, permítennos acoller probas de altísimo nivel como esta Volta Ciclista ao Baixo Miño, que vai na liña do noso grande obxectivo de converter esta provincia no maior estadio deportivo do mundo". Por iso, asegurou, "é un honor patrocinar o maillot e colaborar co Team Oiense para que esta proba poida realizarse", club ao que a vicepresidenta trasladou os seus parabéns e sorte "non só con esta Volta senón con todas as demais probas que realizará ao longo dos próximos meses: será un calendario moi movido pero que sen dúbida contribuirá ao bo nome do ciclismo desta provincia".

Galerias de imagenes