A Deputación concede preto de 35.000 € a Portas para acometer obras de reparación na pista do pavillón polideportivo da Rapeira

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa preto de 2,9 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

27/05/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Portas, por valor de preto de 35.000 euros, coa que poderá facer fronte á reparación da pista do pavillón polideportivo da Rapeira. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia (59) cun número de habitantes inferior a 50.000.

O Concello de Portas recibirá un total de 34.397,84 € para reparar a pista do pavillón polideportivo, que ten a tarima deteriorada na zona de portaría e no seu perímetro. En concreto, cos recursos provinciais substituirase o pavimento en mal estado e pulirase e vernizarase a zona reparada, co trazado final das liñas de xogo dos catro campos con pintura de poliuretano. Ademais, no perímetro da pista polideportiva colocarase un taboleiro contrachapado de pino fenólico.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento preto de 2,9 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.