#CULTURA

Culturgal

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, terá lugar entre o 1 e o 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde a Deputación de Pontevedra contará cun posto propio.


Neste espazo, que ten por lema “+ cultura, + provincia” e a través dunha gran pantalla, amosarase a ampla actividade cultural que se desenvolve durante o ano nos concellos da provincia e na propia institución, e convídase o público a coñecer a nosa provincia por medio da cultura.

Ademais, no posto da Deputación desenvolveranse unha serie de actividades dirixidas ao público máis novo e ao público xeral, nas que se apostará pola cultura máis emerxente da provincia.

Pódese consultar a programación xeral da feira e adquirir as entradas en www.cultur.gal

Actividades

Crea Pontes con Taller Abierto! Sábado 2 de decembro, de 12:00 a 13:30 h
Taller abierto

Obradoiro infantil aberto, dirixido a nenas e nenos, que se inspirarán e recrearán a ponte da provincia que escollan en formato diorama. As monitoras guiaranos e facilitaranlles o material para facer o traballo

O resto da fin de semana porase á súa disposición o material para realizar unha actividade libre sobre as pontes da provincia.

Taller Abierto é un colectivo formado fundamentalmente por dúas mulleres con formación en arquitectura que fundaron unha empresa de xestión cultural e obradoiros creativos en Pontevedra. Traballan con propostas específicas sobre a arte e a arquitectura relacionadas coa contorna e coa súa historia. Conta cunha ampla experiencia na realización de obradoiros e proxectos con nenas e nenos.

 

 

 

 

 

 

 

 

Lontreira, sábado 2 de decembro, ás 19:30 h
Lontreira

Héctor Rodríguez (Moaña), Ivan Barral (Meis) e Adri (A Illa de Arousa) son os integrantes de Lontreira, un grupo que xorde no verán de 2022 e non deixa de dar pasos de xigante na industria musical galega.

Con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación, onde coñeceron rúas coma Churruca e nas que uniron os seus talentos, foron quen de crear un proxecto musical que xa os está a converter nunha prometedora banda emerxente.

Así, chegaron a ser finalistas na categoría de artista emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2023 e foron seleccionados como os cen mellores grupos polos eurofáns na elección interna de Eurovisión España, e quedaron ás portas da final do Benidorm Fest 2024.

O seu primeiro álbum publicado este ano intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que os rodean.

No posto da Deputación en Culturgal farán unha actuación de 30 minutos de duración para amosar o seu traballo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Leticia Rey, domingo, ás 13:30 h
Leticia Rey

Esta cantautora de Vila de Cruces, que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira artística como compositora e intérprete, está a facerse oco no panorama musical galego actual.

Luminosa e mística, a súa música observa o latexar do universo, móvese entre o mundo dos soños e o real, inspirando melodías desde un plano espiritual e exhalándoas materializadas en sons persoais e etéreos, con tinguiduras indie e folk, que tratan de encher de paz e de chegar ás persoas que a escoitan.

Foi galardoada co Premio Mans da Fundación Paideia. En Culturgal actuará durante 30 minutos acompañada do pianista Iago Mouriño.