Luis López destaca o apoio de 1,3 millóns da Deputación para facer realidade a ampliación e mellora dos servizos e da imaxe do cemiterio da Fraga do Alén, en Lalín

O presidente celebra o seu primeiro aniversario á fronte do goberno provincial participando na inauguración deste camposanto, unha obra froito da colaboración entre as administracións provincial e municipal cun investimento total de 1,7 millóns

06/07/2024

Inauguración do cemiterio de Lalón

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos transformadores, que melloran os servizos e embelecen as cidades, coma a ampliación do cemiterio Fraga do Alén en Lalín. O mandatario provincial vén de participar este sábado na inauguración desta obra, un feito que coincide co primeiro aniversario da toma de posesión de Luis López como presidente do organismo provincial. “Hoxe non é un día calquera. Tal día como hoxe, hai exactamente un ano, empuñaba por primeira vez o bastón de mando como presidente da Deputación e penso que non hai mellor forma de conmemorar este aniversario que nun acto como este. En Lalín, un concello no que sempre me sentín coma na casa; rodeado de compañeiros como o alcalde José Crespo ou o conselleiro Román Rodríguez e inaugurando unha obra que é unha mostra máis dese municipalismo que rexe a acción da Deputación”, afirmou o dirixente provincial.

A obra é froito da colaboración entre a Deputación e o Concello e está valorada en 1,7 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega 1,3 millóns de euros ao abeiro do programa ReacPon, e o Concello aporta a cantidade restante. Tratouse dunha intervención integral que transformou este cemiterio, que conta con xardín e arborado nun lugar para o uso e desfrute da poboación ao tempo que adaptou as instalacións ás necesidades propias deste espazo. Neste sentido, a actuación serviu tamén para mellorar os camiños peonís existentes para favorecer a mobilidade peonil e, ao mesmo tempo, integralos nun espazo natural de gran beleza coroado por un lago, que leva o nome de Xela Arias e rende homenaxe a todas as mulleres do mundo da arte.

“Foi unha intervención necesaria, moi demandada e que embelece un lugar moi frecuentado pola veciñanza e que merece o máis profundo dos nosos respectos”, sinalou o presidente Luis López, durante a inauguración deste camposanto.

Unha obra que supón unha mostra da colaboración da Deputación cos concellos da provincia. “Escoitar, entender e atender as necesidades de todos os concellos é a nosa máxima”, asegurou o mandatario. Así mesmo asegurou que o compromiso seguirá sendo o mesmo nos vindeiros anos. “Seguiremos a afondar no municipalismo e na escoita aos alcaldes e alcaldesas, seguiremos a tender pontes con todas as entidades e colectivos e seguiremos a ser esa canle para a modernización e transformación da nosa provincia”, concluíu o presidente provincial despois de agradecer o apoio dos rexedores de toda a provincia.

 

Galerias de imaxes

videos