Luis López pon o encontro Learn África da UNED como exemplo de iniciativas para promover a educación, a igualdade ou a inclusión “sen fronteiras”

O presidente provincial participa na presentación dun programa que leva dez anos ofrecendo becas para que mulleres universitarias africanas cursen doutorados ou mestrados en universidades españolas

12/06/2024

encontro Learn africa da UNED

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o avance que supón en materia de formación e inclusión o programa Learn África que se presentou este mércores na sede de UNED en Pontevedra a través do cal estudantes de orixe africana reciben becas para estudar doutorados e mestrados en universidades españolas. “A educación, a igualdade, a formación, o benestar e o crecemento persoal non entenden de fronteiras nin de cuestións de xénero ou nacionalidade, por iso felicitamos á UNED, á Fundación Mulleres por África e ás máis de 350 mulleres universitarias, de 35 países,  que teñen participado neste programa ao longo dos últimos dez anos”, destacou o mandatario provincial durante a apertura deste encontro.

Unha iniciativa que se corresponde coa filosofía de cooperación entre institución que rexe a acción de goberno da Deputación. O lema da Deputación di que tendemos pontes e non pode ser máis acaído para esta xornada, pois supón una ponte triple: para a cooperación institucional entre a administración provincial e a Universidade, para a educación, entre a UNED e as estudantes; e entre para a integración entre a comunidade pontevedresa coas mulleres africanas”, recoñeceu o dirixente provincial.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou a colaboración da Deputación coa actividade da UNED, que se plasma en encontros como o Learn África, así como en accións para o fomento do emprego ou o apoio e participación para a organización de diferentes congresos. Ademais, o presidente puxo en valor a rede de aulas que a UNED ten por toda a provincia, que se corresponde co compromiso municipalista, do goberno provincial.

Rematou Luis López a súa intervención reiterando a vontade da Deputación de colaborar en accións como este programa Learn África, que “é exemplo de xustiza social, de respecto, igualdade e integración”, sinalou para agradecer o labor da UNED e da Fundación Mujeres por África, así como o das mulleres participantes, ás que anima a “seguir mellorando a súa formación e a seguir perseguindo as súas metas”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.