A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público a exposición “Fantasías” de Santiago Piñel no Palacete das Mendoza

A mostra de pintura estará dispoñible ata o próximo domingo 25 de agosto na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas

18/08/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público ata o próximo domingo 25 de agosto a exposición pictórica “Fantasías” de Santiago Piñel Hernández. A mostra do salmantino e afincado na cidade de Pontevedra pódese visitar na sala da exposicións situada no soto do Palacete das Mendoza, o emblemático edificio que este pasado mes de xullo fixo vinte anos como sede de Turismo Rías Baixas.

A exposición recolle unha escolma da obra de Piñel, tamén coñecido artisticamente como Vanty, encadradas a medio camiño entre o realismo e o surrealismo e realizadas con moita emoción e respostas subxectivas. O autor asegura que plasma aquilo que lle espertan os obxectos e acontecementos para despois convertelos en “Fantasías”. Malia que Piñel comezou a pintar desde pequeno, a súa verdadeira vocación foi a música e, de feito, foi cantante profesional durante cinco décadas baixo o nome artístico de Lenny. Nestes anos a música enchía practicamente todo o seu tempo de vida e a pintura quedou apartada, pero Piñel está aproveitando esta nova etapa da súa vida para revivir os seus pinceis e, así, facer que a música e mais as cores se fundan no lenzo.

A exposición pode visitarse na súa recta final no horario habitual de verán da sala de exposicións do Palacete das Mendoza: de luns a venres en horario continuo de 9:00 a 21:00 horas, e o sábado e o domingo en horario partido, pola mañá entre as 10:00 e as 14:30 e pola tarde entre as 16:30 e as 20:00 horas.