A Deputación acolle ata o vindeiro venres no Pazo provincial a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”

A mostra, promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, recolle 73 fotografías, inéditas ou publicadas, realizadas por profesionais que desenvolven o seu traballo na comunidade autónoma

23/06/2024

Últimos días para visitar no Pazo provincial da Deputación a mostra “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”. A exposición, promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, recolle 73 fotografías, inéditas ou publicadas, realizadas por profesionais que desenvolven o seu traballo na comunidade autónoma.

A mostra xurdiu dos encontros que mantiveron a Asociación de Periodistas e o Colectivo de Fotoxornalistas, co obxectivo de poñer en valor e facer visible o traballo dos reporteiros gráficos en Galicia, divulgando o seu protagonismo na comunicación do acontecer cotiá. Ademais, as imaxes están acompañadas por lendas de corte literario, elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven a súa labor na comunidade.

“A Galicia inédita” presenta desde conflitos laborais, actos políticos, incendios forestais, narcotráfico ou manifestacións artísticas e festas culturais, ademais de paisaxes que afondan na xeografía natural e humana de Galicia.  Trala súa estancia no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra e previamente en Santiago de Compostela, está previsto que a mostra continúe por toda Galicia.