Rafa Domínguez situou como os grandes fitos do goberno da Deputación neste primeiro ano a rehabilitación de Santa Clara, a modernización do Museo e a recuperación da Bienal

O vicepresidente recordou as actuacións impulsadas e desbloqueadas en Pontevedra como a reforma de Barcelos, a senda de Tomeza, o acceso a Montecelo, a reforma da Casa Consistorial, o acondicionamento da rúa 12 de novembro ou o viario de Mollabao

02/07/2024

Rafa Domínguez na conferencia de prensa

O vicepresidente da Deputación e deputado responsable do Museo Provincial e dos xacementos arqueolóxicos, así como da área xeográfica correspondente á capital da provincia, situou esta mañá, nun almorzo informativo no Edificio Castelao, como os grandes fitos do primeiro ano de goberno á fronte da institución provincial a rehabilitación de Santa Clara, a modernización do Museo e a recuperación da Bienal de Arte. Tamén recordou as actuacións que a institución provincial impulsou e desbloqueou na capital. “Estamos -asegurou- construíndo unha Pontevedra mellor. Temos logrado avances significativos para mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns e fortalecer o noso patrimonio cultural e as nosas infraestruturas, que, sen dúbida algunha, marcan o inicio dunha nova era para Pontevedra”.

A rehabilitación e apertura do Convento de Santa Clara

“Un dos logros máis destacados deste primeiro ano de Goberno foi a posta en marcha do proxecto de rehabilitación e apertura do Convento de Santa Clara”, valorou o vicepresidente quen subliñou a firme aposta da Xunta de Galicia con este proxecto ao comprometer xa seis millóns de euros para o seu desenvolvemento. En total, estímase que esta actuación ascenda a 21,5 millóns de euros e están xa abonados máis de 1,7 millóns de euros para a redacción do proxecto básico e a dirección da obra. Ademais, estase a traballar co Arcebispado de Santiago para asumir a titularidade da Casa das Misións e co concello para abrir o recinto á praza de Barcelos e á rúa de Santa Clara.

Nestes momentos, o servizo provincial de Arquitectura está a estudar o proxecto básico para a rehabilitación de Santa Clara e, a continuación, comezará o proceso de elaboración do proxecto executivo, así como iniciaranse os trámites para obter os permisos e licenzas necesarios para levar a cabo as obras.

A modernización do Museo de Pontevedra

Outro dos grandes fitos impulsados ao longo deste ano foi a modernización do Museo de Pontevedra, “con melloras nas súas instalacións, a dixitalización das súas coleccións e a creación dun novo equipo directivo liderado por Ángeles Tilve e Cruz Farto”. Segundo subliñou o vicepresidente, “estes avances, que inclúen a implantación de tecnoloxías interactivas nas exposicións, non só están a mellorar a accesibilidade e a conservación das obras, senón que tamén están a ampliar a oferta cultural do Museo que, ata a data, recibiu neste primeiro ano preto de 166.000 visitantes”.

Ademais, téñense impulsado novas exposicións permanentes e temporais como é “A Era das Fábulas”, un proxecto único que acollerá o Museo entre o 10 de xullo e o 29 de setembro, e téñense recuperado pezas clave da historia da cidade como o mural de Conde Corbal que estaba situado no Carabela. Tamén se deu luz verde á interconexión dos edificios centrais do Museo, cuxa obra está prevista para finais do 2025, e, tal e como avanzou o vicepresidente, o próximo luns, 8 de xullo, comezará a limpeza integral das Ruínas de San Domingos.

A recuperación da Bienal de Arte

A recuperación da Bienal de Arte, “un evento de renome internacional que forma parte da identidade cultural de Pontevedra desde  hai décadas”, é tamén un dos grandes fitos do goberno provincial.  Recuperala no 2025 suporá, tal e como subliñou Domínguez, “un impacto positivo na vida cultural da cidade e da provincia pero tamén un retorno económico significativo, con capacidade de atracción de visitantes nacionais e internacionais”. Ademais, tal e como explicou o vicepresidente, a distribución da Bienal por diversos espazos da cidade xerará interacción e enriquecerá a experiencia cultural tanto dos visitantes como dos cidadáns. A día de hoxe está xa elixido o equipo técnico da Bienal, presentado recentemente, e estase a traballar no desenvolvemento da súa imaxe corporativa e na selección dos artistas.

A Deputación coa cidade de Pontevedra

O vicepresidente traballou para fortalecer os lazos da Deputación de Pontevedra coa cidadanía da capital da provincia, mantendo unha política de “portas abertas” que o levou a recibir a preto de 200 persoas durante este primeiro ano de goberno, sen contar cos traballadores da institución.  Ademais ten desbloqueado varios convenios co concello de Pontevedra, que estaban a piques de expirar, que suman un total de 6,2 millóns de euros. Trátanse do proxecto de rehabilitación da Casa Consistorial, que precisa un suplemento de crédito de 429.670 euros; do acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na Rúa 12 de novembro, para o que será preciso un novo convenio cun incremento de preto de 211.000 euros; e do novo viario en Mollabao, que tamén se prorroga cunha nova duración máxima de dous anos máis un adicional. A eles hai que sumar a financiación íntegra, con 1,4 millóns de euros, do acceso ao novo hospital de Montecelo, así como a reforma da praza de Barcelos ou a senda peonil de Tomeza. “Con cada inversión, con cada obra, con cada evento e cada voz escoitada –concluíu o vicepresidente- estamos construíndo unha Pontevedra mellor. Seguiremos traballando con paixón e determinación”.

Galerias de imaxes