O vicepresidente Rafa Domínguez participa na presentación dos cursos de verán da UNED Pontevedra

13/06/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este venres á presentación dos cursos de verán 2024 da UNED Pontevedra, unha iniciativa que conta co apoio da institución provincial. O vicepresidente provincial sinalou que os cursos serven para “diversificar e democratizar a oferta formativa para toda a cidadanía desta provincia”, xa que as accións están “repartidas por todos os centros asociados” (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, O Porriño e Tui, ademais dun en liña). Deste xeito, “moita xente accederá a formación de calidade durante unha etapa na que moitas persoas aproveitan o maior tempo dispoñible para perseguir as súas inquedanzas intelectuais e académicas”, asegurou Domínguez.

O vicepresidente sinalou que os cursos están “directamente relacionados con grandes cuestións que nos preocupan e interesan ao conxunto da humanidade” ao tratar temáticas como o cambio climático, a seca e as inundacións, a situación das mulleres artistas, a Intelixencia Artificial no ámbito educativo ou a participación das persoas discapacitadas na política. Rafa Domínguez lembrou que esta é só unha das iniciativas onde colaboran estreitamente a Deputación e a UNED Pontevedra, e “seguiremos facéndoo para que esta institución tan arraigada en Pontevedra siga tendo esa grande importancia e presenza no noso territorio, e poida mellorar o servizo que presta á nosa veciñanza”, asegurou.