Luis López subliña o potencial de probas internacionais como o International Six Days Enduro para atraer á provincia a máis de 3.000 visitantes ligados ao deporte

O presidente provincial participa na presentación da coñecida como as olimpíadas das motos que se celebrará en outubro por primeira vez en Galicia con Silleda, A Estrada e Lalín como escenarios dunha proba que fomenta o turismo nos concellos do interior

05/06/2024

Presentación da coñecida como as olimpíadas das motos 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a aposta polo deporte que está a levar a cabo o goberno provincial a través de iniciativas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, as becas e axudas a deportistas, clubs e federacións; a visibilidade e fomento do deporte feminino ou a organización de eventos deportivos de interese xeral para consolidar a provincia como destino turístico ligado ao deporte e impulsar a actividade económica e social en todo o territorio. Fíxoo durante a presentación do International Six Days Enduro (ISDE), os coñecidos como os Xogos Olímpicos das motos, que se presentou este mércores no Pazo Provincial e terá lugar o vindeiro mes de outubro nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

"Na Deputación temos unha visión ampla do deporte, abarcamos todas as modalidades deportivas e queremos que os eventos deportivos se expandan por toda a provincia. E algo que levamos facendo desde o minuto un e queremos seguir dándolle continuidade", subliñou Luis López.

A competición levarase a cabo entre os días 14 e 19 de outubro e desenvolverase nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense, pero o centro de operacións estará en Silleda, no recinto feiral da Semana Verde. Ademais, os municipios de Silleda, A Estrada e Lalín formarán parte do percorrido dunha proba que se completará con outros tramos en O Irixo e Santiago de Compostela. Con 98 edicións celebradas, o ISDE é a competición máis antiga desta modalidade de motociclismo. Despois de celebrar cinco edicións en España, é a primeira vez que recala en Galicia, co interior da provincia de Pontevedra como escenario principal. "Vai ser un éxito seguro porque se desenvolve nun territorio que xa tivo unha toma de contacto co enduro importante, como é Lalín,  que acolleu probas do mundial no 2022 e 2023; e se leva a cabo a través dun club e unha Federación que son exemplo á hora de organizar estes eventos", remarcou o dirixente provincial.

Impulso ao turismo a través do deporte

Presentación International Six Days Enduro 2024

A acollida desta competición na provincia de Pontevedra suporá acoller durante case 15 días a preto de 600 pilotos chegados desde países dos cinco continentes. Unha cifra de visitantes que acada as 3.000 persoas ao ter en conta a persoal da organización, dos equipos e os afeccionados. "Non se trata só deses 600 deportistas que van facer gasto, que van coñecer os recunchos que temos na nosa provincia, senón que van ser prescriptores. Cando volvan os seus países falarán do bonita que é a provincia de Pontevedra", destacou o presidente da Deputación, quen quixo reafirmar tamén a aposta do seu goberno polo turismo deportivo. "Se Pontevedra está de moda, se é o destino de España máis buscado, tamén é grazas a estes eventos", subliñou.

A sustentabilidade marca o camiño

Acompañado pola vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, o mandatario provincial tamén fixo referencia a outro aspecto fundamental á hora de acoller este tipo de acontecementos como é a sustentabilidade. "O compromiso co medio ambiente desta proba deportiva é algo que compartimos", recoñeceu López poñendo como exemplo a participación da Deputación a pasada fin de semana no Rally de Pontevedra cun coche respectuoso co medio ambiente e de baixo consumo de combustible. Neste sentido, os organizadores da proba teñen deseñado tamén un proxecto para reducir a pegada de carbono na proba a través da redución da contaminación, a limitación do ruído e a plantación de árbores.

Finalmente, Luis López confesou, en nome da Deputación e do conxunto da provincia, que "estamos orgullosos e agradecidos" ás federacións galega, española e internacional, así como a todas as entidades e administracións que colaboran na organización desta competición, como a Xunta ou os concellos, por colaborar con eventos deportivos que se celebran na provincia. "Vémonos nestes concellos e desfrutaremos dun gran espectáculo", rematou o presidente Luis López.

audios