A Deputación supervisa na Cañiza o avance das obras de recuperación da contorna da Ponte das Achas

As obras na EP-5002 adxudicáronse por preto de 400.000 euros e suporán a mellora da seguridade e a mobilidade peonil, ademais dunha posta en valor da ponte románica

30/07/2024

Visitas das bras de recuperación da contorna da Ponte das Achas

A deputada de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, visitou A Cañiza para supervisar as obras que a institución provincial está a acometer na estrada da Ponte das Achas, e que xa se atopan nun estado avanzado. Os traballos contan cun orzamento de preto de 400.000 euros, financiados ao 70% pola Deputación e ao 30% polo concello (sufragado en parte con fondos do plan de cooperación da Deputación do ano 2023), para actuar nun treito de máis de 500 metros da EP-5002. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil da zona entre os núcleos das Achas e A Ponte, así como poñer en valor este importante elemento patrimonial da Cañiza.

As obras asegurarán unha mellor funcionalidade da vía e un incremento da seguridade tanto para o tráfico rodado como para o peonil. A estrada dotarase dunha senda peonil de formigón, de 2,5 metros de ancho e arredor duns 400 metros de lonxitude. A senda discorrerá desde o inicio das obras ata a parte do treito antigo sen edificacións, que será de sentido único, e nun primeiro tramo (desde a Igrexa ata a depuradora e o cemiterio) executarase unha cuneta entre a senda e a calzada.

Nas partes do treito antigo nas que si hai edificacións, optouse por unha zona de convivencia en pavimento de formigón, mentres que sobre a antiga Ponte das Achas e tamén nos sobreanchos da estrada, por un pavimento de lastro de granito que irá delimitado nas zonas en contacto coas vivendas (e tamén para romper a monotonía) por unha fronteira de lousa de pedra.

O proxecto tamén inclúen a substitución das varandas metálicas de seguridade sobre a ponte, en cuxo lugar se instalará un peitoril de pedra de máis dun metro de altura. Ademais, a instalación de iluminación LED na senda e na zona de convivencia, a canalización soterrada das redes de iluminación e telefonía, a instalación de mobiliario urbano, a execución dun paso peonil sobreelevado e un redutor físico da velocidade, e a renovación da sinalización.

Galerias de imaxes