A Deputación de Pontevedra acolle un obradoiro para impulsar o talento dixital da infancia

A acción formativa forma parte do proxecto Tech Kids e terá lugar o xoves 29 de agosto na Aula CeMIT de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da institución provincial

25/08/2024

A Deputación de Pontevedra acolle o próximo xoves 29 de agosto unha acción formativa no marco do proxecto “Tech Kids. Argallando entre xeracións” co obxectivo de que nenas e nenos de entre os 12 e os 18 anos poidan poñer en práctica o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas, á vez que desenvolven competencias persoais nunha contorna colaborativa.

As temáticas que se abordarán na formación comprenderán o deseño guiado de modelado en 3D orientado á fabricación FDM (modelado por deposición fundida), unha práctica guiada de construción e programación dun robot que implemente unha placa controladora para xestionar os compoñentes e comunicarse con outros robots na aula, prácticas supervisadas de pilotaxe de drons en interior, experiencias inmersivas en realidade virtual, unha introdución guiada ao ensamble e á configuración de deseños de sistemas electrónicos con microcontroladores ou unha introdución guiada á Raspberry Pi.

A acción terá lugar en horario de 9:30 a 13:30 horas na Aula CeMIT de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación na cidade de Pontevedra, e forma parte do proxecto impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). As inscricións a esta actividade, que conta cun total de 27 prazas, poden facerse a través do sitio web da rede CeMIT.

Enlaces de interés