A Deputación abre un novo prazo para inscribirse nas prazas dispoñibles nos obradoiros de verán do Museo

A partir do mércores 26 ás 9:00 h poderanse reservar as prazas que non se completaron debido ás solicitudes repetidas e ás renuncias

24/06/2024

Obradoiros de verán do Museo de Pontevedra 2024

O Museo de Pontevedra abre un novo prazo para inscribirse nos obradoiros de verán. No prazo aberto a semana pasada completáronse as prazas, pero houbo varias inscricións repetidas e renuncias, polo que incluso despois de chamar ás persoas en lista de espera, quedaron prazas dispoñibles. Estas poderanse reservar de novo a partir deste mércores 26 de xuño, ás 9:00 h, a través da web do Museo: https://museo.depo.gal. Cómpre lembrar que cada neno ou nena só se pode inscribir nun obradoiro.

Os obradoiros desenvoleranse nas mañás dos meses de xullo e agosto. Están dirixidos ás nenas e nenos de 6 a 12 anos, que se achegarán ás obras da colección do Museo e ás presentes na exposición temporal ‘A era das fábulas’ a través da ilustración, os mosaicos, o colaxe e outras técnicas creativas. Cada semana un grupo de rapazas e rapaces participarán nunha das quendas dos cinco obradoiros que se ofrecen. Todos son de balde e se desenvolverán de martes a venres entre as 11:30 e as 13:00 h.

Estes son os obradoiros que se ofrecen e as prazas aínda dispoñibles:

Se a Miña Avoa Tivese Rodas, obradoiro de paste up

  • Do 2 ao 5 de xullo: 4 prazas
  • Do 9 ao 12 de xullo: 5 prazas

Ata 1910 as mulleres tiñan restrinxido o acceso a estudos superiores. Mediante este obradoiro, impartido polos ilustradores especializados en arte urbana Sofía Venzel e Míchel Casado, as nenas e nenos participantes coñecerán de cerca a loita das mulleres pola igualdade mediante a técnica do colaxe paste up.

Álbum de Recordos dunhas Vacacións no Museo

  • Do 16 ao 19 de xullo: 6 prazas

Tomando como referencia obras expostas no Museo de Pontevedra, as nenas e nenos participantes ilustrarán e decorarán o seu propio álbum de verán. Este obradoiro impárteo a ilustradora Alba Santa.

Creando Personaxes Xogando co Papel, obradoiro de colaxe

  • Do 23 ao 26 de xullo: 3 prazas

O ilustrador Diego Estebo ensinaralles ás nenas e nenos participantes a crear personaxes que se inspiren nalgunhas das obras expostas no museo e a materializalos mediante a técnica da colaxe.

Art Lab: Creamos... de Fábula

  • Do 6 ao 9 de agosto: non hai prazas dispoñibles
  • Do 13 ao 16 de agosto: 6 prazas

Coa inspiración da exposición A era das fábulas, Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que as nenas e nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outras e outros artistas. Que historias e lendas se poden agochar detrás de cada unha destas obras?

Historia e Creación de Mosaicos

  • Do 20 ao 23 de agosto: 3 prazas
  • Do 27 ao 30 de agosto: 4 prazas

A partir do mosaico coa representación de Baco presente na exposición A era das fábulas, a rapazada aprenderá sobre a rica historia desta arte e creará a súa propia obra. Este obradoiro impartirano Anastasia Ogando e Estefanía Viyella.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.