A Deputación de Pontevedra aborda vías de colaboración coa Fundación Manuel Moldes

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, reuniuse con Carmen Díaz e Manoel Anxo Rodríguez-Moldes e adiantou a vontade de “estreitar lazos” coa Fundación Manuel Moldes de cara ao 2025

18/06/2024

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, reuniuse con Carmen Díaz e Manoel Anxo Rodríguez-Moldes

A Deputación de Pontevedra está a abordar novas vías de colaboración coa Fundación Manuel Moldes. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, acaba de reunirse con Carmen Díaz e Manoel Anxo Rodríguez-Moldes aos que adiantou a vontade do Goberno provincial de “estreitar lazos” coa Fundación Manuel Moldes de cara ao 2025.

Jorge Cubela remarcou na xuntanza a “importancia do legado da obra de Manuel Moldes tanto para a cidade de Pontevedra e os seus veciños, como para o conxunto da provincia”. Neste eido, manifestou o compromiso de avanzar na colaboración coa Fundación Manuel Moldes, “estreitando lazos” que permitan divulgar a traxectoria e obra deste importante artista, “un dos artistas galegos máis destacados da segunda metade do século XX e principios do XXI”.

A Fundación Manuel Moldes ocupa desde novembro de 2023 a oitava planta do Edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra. O espazo conta con dúas salas nas que está previsto que se amose a obra do artista e tamén inclúe espazos para a conservación das pezas, tanto de gran formato como daquelas en papel e gravados de Moldes.