A Deputación acolle desde o vindeiro luns no Pazo provincial a mostra “A Galicia inédita”, coas mellores instantáneas de máis de 70 fotoxornalistas galegos

A exposición, promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, poderá visitarse ata o 28 de xuño no vestíbulo do Pazo provincial

28/05/2024

A Galicia inédita

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolle desde o vindeiro luns, 3 de xuño, a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que poderá visitarse no vestíbulo principal do edificio ata o 28 de xuño. A exposición, promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, recolle obras, inéditas ou xa publicadas, de 73 profesionais que desenvolven o seu traballo en Galicia e ten como obxectivo dar a coñecer a obra do fotoxornalismo ao público xeral, así como divulgar o seu protagonismo na comunicación do acontecer cotiá de Galicia.  As imaxes están ademais acompañadas por lendas de corte literario, elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven a súa labor na comunidade autónoma.

Desta maneira, a mostra supón un espazo de encontro para a creatividade dos fotógrafos que veñen realizando o seu labor nos diferentes medios de comunicación, acompañados coas oportunas explicacións literarias elaboradas por diferentes xornalistas da Comunidade Autónoma, entre eles tamén profesionais en activo en Pontevedra e o resto da provincia, procurando que o autor sexa coñecedor ou próximo á realidade que se mostra na fotografía. Serve ademais como plataforma para inmortalizar as escenas que os xornalistas entenden como máis representativas e tamén inéditas desta área xeográfica e mostralas ao resto da sociedade.

Conflitos laborais, actos políticos, incendios forestais, narcotráfico ou manifestacións artísticas e festas culturais, compoñen a gran variedade de temas que se reflexan na mostra, ademais de paisaxes que afondan na xeografía natural e humana de Galicia. Todas elas crean unha posta en escena que se configura tamén como un soporte fundamental para a promoción da nosa terra e das súas iniciativas.

Antes de chegar ao Pazo provincial da Deputación, onde poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xuño, a exposición puido visitarse o pasado mes de abril na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, onde contou coa colaboración da Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).