Luis López enxalza a achega dos “Pontevedreses do ano” para construír unha cidade máis brillante: “Estes galardóns premian heroes con denominación de orixe”

O presidente provincial participa na cerimonia de entrega da décimo sétima edición destes premios que o Diario de Pontevedra concede este ano a Teresa Táboas, pablo Dapena, Javier Cabo, Asociación Sirio, San Marcos e Cineclub Pontevedra

03/07/2024

premios pontevedreses do ano 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a achega dos gañadores da décimo sétima edición dos premios Pontevedreses do Ano, que entrega cada ano o xornal Diario de Pontevedra, para construír unha cidade de Pontevedra e unha provincia máis “brillante”. O mandatario provincial participou esta tarde na cerimonia de entrega destes distintivos nun acto no que estivo acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, os deputados Sandra Bastos e Javier Tourís e no que tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. “Estes galardóns premian aos heroes con denominación de orixe”, salientou López despois de entregar un dos premios.

O Diario de Pontevedra concedeu este ano os galardóns ao triatleta Pablo Dapena, en categoría de Deporte; ao doutor Javier Cabo, en Investigación; ao Cineclub Pontevedra, en Cultura; á Asociación Sirio, en Labor Social; e a Servizos Funerarios San Marcos, en Empresa. Ademais, a arquitecta Teresa Táboas levou o premio de honor. Os premios entregáronse esta tarde no Auditorio Afundación, nunha gala á que asistiron arredor de 400 invitados.

“Hai pouco, unha desas heroínas, a grandísima Teresa Portela, falaba do orgullosa que se sentía de abandeirar as Rías Baixas polo mundo, logo de que as Rías Baixas a moldearan a ela como deportista e como persoa”, contextualizou Luis López antes de referirse aos protagonistas da velada. “Seguro que cada un de vós podería extraer unha conclusión semellante. Pode que Pablo Dapena fora un deportista distinto de non ser polos adestramentos na cidade. Pode que a Asociación Astronómica Sirio non fóra a mesma sen ese profesor, Severino Yáñez, que cultivou a paixón polo ceo fóra dos plans de estudos. Ou a saber que fortuna lle depararía a Servizos Funerarios San Marcos de non ser polo seu arraigo na cidade. O doutor Javier Cabo Salvador teno claro, remítome a un titular seu recente: ‘Este premio reforza as miñas raíces’, dixo hai ben pouco. Cantas historias contaría o Cineclub Pontevedra ao longo dos seus 70 anos de historia? Moitas. Pero o seu romance coa cultura de Pontevedra non é menos digno de contar, e de premiar. Mentres que Teresa Táboas, a bo seguro, explora a arquitectura internacional sen deixar de ter un pé nas leccións do local”, sinalou o presidente da Deputación durante o seu discurso.

“Non é difícil imaxinar que sería de Pontevedra sen todos aqueles que, algún día, subiron a esta platea a recoller o premio Pontevedrés do Ano. Sería un lugar máis gris, menos brillante”, rematou o presidente Luis López.

 

Galerias de imaxes