A Deputación supervisa na Estrada os traballos de conservación do firme da vía provincial que une os núcleos de Foxo e Riobó

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitaron os traballos incluídos no acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial, cun custo estimado de 80.000 euros

06/08/2024

Isabel Couselo e Gonzalo Louzao visitaron os traballos da via Foxo -Riobó

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, supervisaron este martes na Estrada as obras que a institución provincial está a acometer na EP-7010 Foxo-Riobó incluídas no lote 2 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial.

Os traballos nesta infraestrutura de titularidade provincial consisten na reposición da capa de rodadura ao longo de 1,1 quilómetros (entre os PK 0+100 e 1+200) e uns 6.600 m2. Os traballos teñen un custe estimado de 80.000 euros e, como todos os derivados do acordo marco, consisten en operacións ordinarias e localizadas de conservación que permiten corrixir o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes nas estradas provinciais que transcorren polo Concello da Estrada. Deste xeito, tamén se están a acometer obras na EP-7005 Aguións-Santeles-Santa Cristina e na EP-7006 Sol-Pardemarín, ademais de estaren previstas obras na EP-7011 Pena do Foxo-Olives, na EP-7013 Orosa-Orazo e na EP-7025 Arca-Nigoi, cun orzamento estimado global de preto de 700.000 euros. O acordo marco está dotado de 4,4 millóns de euros para toda a provincia e o lote 2, no que está incluído A Estrada (ademais de Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Pontecesures, Silleda e Valga), de preto de 900.000 euros.