Luis López destaca a importancia do Mundial de Loitas Olímpicas no camiño iniciado pola Deputación para converter a provincia no “estadio deportivo do mundo”

“Temos infraestruturas, temos equipamentos, temos capacidade e ganas moitas ganas, de demostrar que non hai evento deportivo que se organice mellor que aquí, na provincia de Pontevedra”, subliñou o presidente da Deputación

02/09/2024

Luis López na inauguración do mundial de loita

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de participar, xunto cos vicepresidentes provinciais Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, na inauguración do Mundial de Loitas Olímpicas, un evento que vai na liña do obxectivo do organismo provincial de converter a provincia no “estadio deportivo do mundo”. No acto de arranque desta proba deportiva que acollerá a capital da provincia ata o 8 de setembro, o primeiro gran evento de loita tralos Xogos Olímpicos de París, o presidente subliñou que “temos infraestruturas, temos equipamentos, temos capacidade para aloxar e ganas, moitas ganas de demostrar que non hai evento deportivo que se organice mellor que aquí, en Pontevedra.

No Mundial de Loitas Olímpicas daranse cita uns 1.500 deportistas, técnicos e árbitros acreditados de preto de 90 países do mundo. Nel competirán ademais, tal e como destacou López, deportistas que “adestran a diario aquí, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva como Candela Castro, en Loita Feminina; Gonzalo Caparrós, en Loita Grecorromana, ou Alessandro Iemma e Moisés Bello, en Libre Olímpica. Todo un orgullo –remarcou- para esta cidade e para o conxunto da provincia, que será un escaparate turístico para nós, con repercusión en todo o mundo”.

A Deputación de Pontevedra ten un firme compromiso con eventos deportivos con proxección mediática nacional e internacional. Neste eido, o organismo lanzou este ano unha nova liña de axudas para promover eventos deportivos de interese turístico e patrocinou grandes citas protagonizadas por diferentes modalidades deportivas como o ciclismo, coa etapa de La Vuelta entre Ponteareas e Baiona; o fútbol, co partido das seleccións femininas de fútbol de España e Italia; o balonmán, cos partidos que disputaron a finais da primavera as seleccións absolutas de balonmán na provincia; ou baloncesto, co partido que o vindeiro 11 de setembro acollerá o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra entre o Real Madrid e o As Mónaco.

 

Galerias de imaxes