A Deputación traslada ao Concello de Caldas a vontade de desbloquear o proxecto de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005 Rúa Parque

A actuación desenvólvese nun tramo no que se sitúan as instalacións da Garda Civil, polo que a deputada Isabel Couselo trasladoulle ao alcalde de Caldas que a vía para a posta a disposición dos terreos, indispensable para iniciar as obras, é a mutación demanial

27/06/2024

A Deputación de Pontevedra trasladou ao Concello de Caldas a vontade de desbloquear o proxecto de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005 Rúa Parque (Travesía Dona Urraca). A actuación desenvólvese nun tramo no que se sitúan as instalacións da Garda Civil, polo que a deputada de Infraestruturas Isabel Couselo comunicou ao alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, que a vía para a posta a disposición dos terreos é a mutación demanial e convidou ao goberno local a abrir negociacións co Ministerio do Interior para poder avanzar no proxecto.

O obxectivo da Deputación de Pontevedra, tal e como subliñou Couselo, é buscar solucións a un proxecto herdado do anterior mandato provincial, que comezou a xestarse en maio do 20221 e que non se podía materializar debido á imposibilidade de poñer a disposición dos terreos debido a que, tal e como informou por escrito o Ministerio do Interior, os que ocupa a Garda Civil deben excluírse do procedemento expropiatorio.