A Deputación abre este xoves o prazo para que as escolas de música sen ánimo de lucro soliciten axudas para financiar gastos correntes e de persoal

As axudas, dotadas con 100.000 euros, 10.000 € máis que o pasado ano, adxudicaranse en réxime de concorrencia competitiva e poderán solicitarse ata o 30 de setembro

07/08/2024

A Deputación de Pontevedra abre este xoves, 8 de agosto, o prazo para que as escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia soliciten axudas da nova liña, dotada con 100.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, para financiar gastos correntes e de persoal. O obxectivo da institución provincial é apoiar estas entidades, que se erixen como auténticas dinamizadoras culturais e constitúen para o alumnado en xeral e, en especial, para o de idades temperás, o primeiro contacto con profesionais do eido educativo musical.

En concreto, as axudas permitirán ás escolas de música financiar gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, a reparación e conservación dos seus locais, a reparación de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico. As subvencións outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e, para elo, teranse en conta criterios como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas na mesma.

As solicitudes, que se poderán realizar desde este xoves, e ata o vindeiro 30 de setembro, deberán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación, e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles e a documentación que é necesario achegar.