A Deputación mantén aberta ata o próximo domingo a mostra “Música e pintura” de Alfonso Deus no Palacete das Mendoza

A exposición do artista coruñés, unha recompilación de acuarelas pintadas entre 2020 e 2022, pode visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o 2 de xuño

27/05/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público ata o próximo domingo a exposición “Música e pintura”, na que o pintor coruñés Alfonso Deus recompila unha selección das acuarelas que pintou entre os anos 2020 e 2022. Esta mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o 2 de xuño no horario de apertura das instalacións.

Os cadros seleccionados polo autor están realizados en diferentes formatos e tamaños, con predominancia dos de 30x40 centímetros, e teñen unha temática moi variada que vai desde as texturas, como ferros oxidados, madeiras, plásticos e froitas, ata algúns animais. Todos eles, tanto as pezas realizadas a cor como as de escalas de grises, cun estilo realista.

Alfonso Deus é mestre especialista en Educación Infantil e profesor de Educación Artística Plástica, profesor de pintura, debuxante publicitario, músico con oito discos editados e coautor de máis de 20 libros de música coa editorial Galinova, viaxeiro empedernido e amante de calquera manifestación artística. “Musica e pintura” poderá visitarse de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e o domingo, último día de exhibición, entre as 10:00 e as 14:00 horas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.