A Deputación destina 200.000 € para que 37 entidades sociais da provincia realicen actividades de fomento da igualdade e loita contra a violencia de xénero

A institución provincial repartirá axudas que oscilan entre os 3.500 e 7.000 euros cos que as entidades poderán poñer en marcha proxectos de sensibilización, formación, emprendemento ou, entre outros, prevención

19/07/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 200.000 euros, 50.000 máis que o pasado ano, para que 37 asociacións sen ánimo de lucro de once concellos da provincia poidan realizar proxectos e actividades para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. “Destinamos así máis recursos, 50.000 euros máis, para avanzar na busca da igualdade e na loita contra esa lacra que é a violencia de xénero”, asegurou o presidente Luis López.

En total, recibíronse 49 solicitudes, 16 máis que no 2023, das que 12 foron descartadas por incumprir algún dos requisitos das bases. As 37 asociacións que recibirán achegas, que oscilan entre os 3.500 e os 7.000 €, son de once concellos da provincia: Vigo (17), Pontevedra (8), Cangas (3), Mos (2), Cambados (1), Crecente (1), Lalín (1), Marín (1), Silleda (1), Tui (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

Con estes recursos, as entidades poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación e campañas de difusión en materia de igualdade. As accións deberán realizarse durante 2024, rematando en todo caso antes do 31 de decembro deste mesmo ano.