A Deputación entra a formar parte do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas e colaborará co premio de Novela Curta

12/07/2024

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, mantivo unha reunión co presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondeo, e cunha das súas patroas, Pilar Sampedro, na que lles comunicou que el mesmo será un dos patronos da Fundación en representación da Deputación de Pontevedra, como foi aprobado no Pleno provincial do pasado mes de xuño, entrando así formar parte no padroado desta entidade constituída en 1993 para velar polo legado do escritor de Vila de Cruces Xosé Neira Vilas.

Ademais, o deputado transmitiulles o interese do ente provincial de estreitar lazos coa Fundación e ter unha maior colaboración con eles, polo que, entre outras cousas, adiantou o compromiso co financiamento do premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que ten como obxectivo estimular a creación literaria, a lectura en lingua galega e proporcionar ao público infantil, xuvenil e adulto obras de calidade que o acheguen á novela. O premio entrégase cada 3 de novembro, coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas. O deputado asumiu, por outro lado, o compromiso da impresión do Caderno de Gres, que ten como afán contribuír a espallar a cultura dos libros dende a aldea.