EXPOSICIÓN

Un pequeno xardín

A metáfora dun mundo imaxinado

Do 8 de novembro de 2023 ao 10 de xaneiro de 2024

Sala Rosalía de Castro. Sede da Deputación en Vigo

Inauguración: 8 de novembro, ás 19 h


Os xardíns foron desde a antigüidade considerados como imprescindibles en calquera construción que se considerase importante, coma os palacios ou os templos. No Antigo Exipto simbolizaban a imaxe do paraíso na Terra.

Este concepto do xardín coma paraíso terreal nunca deixou de existir.

Os xardíns forman parte de nós, habitan no noso pensamento. Son un pequeno espazo natural onde queda reflectido o noso mundo interior. Non soamente facemos unha construción mental de como sería a casa das nosas vidas, tamén moldeamos os nosos xardíns ideais.

Estes espazos posúen un especial interese, por ser lugares anhelados e máxicos. Neles é máis doado retornar á nenez e reservar un espazo para a natureza, a contemplación, a relaxación ou, simplemente, para estar con nós mesmos, deixándonos levar pola beleza dunha natureza que tenta chegar á perfección a través dunha orde intencionada. O mesmo que acontece na arte, cando esta ten como intención acadar a perfección da natureza.

Como calquera obra creativa, e o xardín participa sen dúbida desta natureza, é o reflexo da personalidade da súa autora ou autor, que xerará sintonía ou falta dela na persoa que a contempla. A disposición dos elementos do xardín, as cores, a abundancia de flores ou a ausencia delas compoñen un conxunto co que é doado identificarse ou non.

Galicia está chea de xardíns, de veciñas e veciños que lle dedican o seu tempo e o seu espazo a coidar da natureza. Poderiamos falar incluso do xardín como elemento social, pois cando reparamos nas fiestras, balcóns ou xardíns, podemos ver como unha casa comparte as mesmas plantas ca a da súa veciña ou veciño, xa que é costume regalar e intercambiar facilmente estas xoias da natureza.

Deste xeito, o xardín non é soamente un lugar fermoso, senón algo moito máis complexo, que alcanza un carácter social, curativo e sostible.

Na miña cotiandade non alcanzo a pensar nun tema que capte máis a miña atención, animada pola crúa realidade, onde parece que non hai lugar para a colectividade e o medio ambiente se degrada ante os nosos ollos, sen que fagamos apenas nada para evitalo.

A representación do xardín como tema desta exposición funciona como metáfora do mundo que moitos soñamos ter, un mundo máis verde, máis preto da natureza, máis sostible.

A visión das artistas presentadas achéganos a unhas paisaxes que cada vez custa máis atopar.

As súas obras tentan servir como refuxio ou reduto dun mundo que está a cambiar e que, frecuentemente, relega a natureza ao papel de simple medio para obter riquezas materiais, mentres descoida todo o que lle achega ao ser humano no aspecto inmaterial, absolutamente esencial.

As artistas soñan con xardíns que encerran en si mesmos unha concepción do mundo; cada unha cunha proposta dun “xardín-mundo”.

O conxunto das obras crea un diálogo entre elas, arredor de dous puntos en común: a natureza como inquedanza e unha forma de traballar semellante.

Aínda que as modalidades de expresión sexan distintas, todas as artistas traballan cun amor polo pequeno detalle. En xeral, son obras de pequeno formato, que buscan unha ollada pausada, próxima, propia dunha ou dun espectador con tempo para contemplar, que saiba achegarse a elas igual que alguén se achega a observar unha abella que revoa preto dunha flor.

E é que a contemplación visual da arte e da natureza poden resultar moi semellantes.

Marta Fortes, comisaria

Artistas

Maritza Berttolini

Nuria Figueiredo

Marta Fortes

Luján Grassí

Brenda Novas