EXPOSICIÓN

Mary Quintero

A fotógrafa cun estudio propio e cunha ollada única

Do 31 de maio ao 26 de xullo

Sede da Deputación en Vigo

Inauguración: 31 de maio


Esta é a miña mostra máis persoal, comisariada por min e coa miña propia voz narrando as historias que acompañan un percorrido expositivo de 77 anos de fotografía. Aceptei a proposta de participar na colección Aquí Faltan Páxinas a petición da Deputación de Pontevedra, que me convidou a ser a primeira muller viva en formar parte do proxecto. Non vou reproducir aquí a miña vida, xa dabondo contada en tantos lugares. Son unha nena de Melide, unha nena da España dos anos trinta, con todo o que iso implica. Tiven a sorte de nacer nunha galería de cristal e de ter un pai que cría na intelixencia da muller. Todo o que veu despois nunca pasaría sen este punto de partida.

Mary Quintero

Unha fotógrafa con estudio propio

Desde a miña primeira exposición en Lugo, cando tiña 15 anos, meu pai insistiu en que asinase co meu nome, Mary Quintero, en vez de Quintero, que era a marca de todos os traballos que saían do seu estudio. Despois quixo que eu tivese o meu propio estudio na nosa casa, que era grande, separado do seu.

A primeira que me axudou foi a pintora Lola Ponte, que foi quen me organizou a segunda exposición. Nesa mostra estaba un retrato da muller do cónsul da Arxentina que chamou moito a atención e fixo que empezasen a solicitarme as grandes familias de Vigo. Viña facer sesións ás mellores casas da cidade con moitísima frecuencia, sempre acompañada do meu pai, por suposto, que me axudaba en todo. De feito, foi el o que me animou a voar soa e a montar o meu estudio aquí; eu tiña 22 anos e a min Vigo, naquel momento, parecíame Hollywood.

Poder montar o meu propio estudio foi a miña sorte. Se cadra, co que sabía, se quixese ir traballar con alguén, probablemente non me aceptasen, pero non me podían prohibir que puxese un estudio. Iso supuña entrar nun mundo liderado por homes nunha cidade onde estaban asentados fotógrafos do prestixio de Pacheco, Balín ou Ángel LLanos.

Cando empecei a necesitar persoal non atopei ninguén que soubese fotografía, así que a toda a xente que traballou comigo –e chegamos a ser once persoas– ensineilles eu. O meu equipo de confianza estaba formado por catro persoas, todas mulleres, que se encargaban do laboratorio, retoque, reportaxe, montaxe... Estabamos moi compenetradas e continuamos traballando xuntas ata a xubilación.

Unha muller nun mundo de homes

Na miña época ás nenas educábannos para ser princesas. As normas sociais eran moi estritas, cando coñecías a un rapaz non podías nin darlle a man, non digamos un bico. Por iso, casabamos enseguida, para poder facer a nosa vida. Eu casei con 20 anos. José era un empresario agrícola e ocupábase da xestión dunha granxa gandeira en Cumbraos, en Monterroso, pero deixouno todo para apoiarme. Foi o compañeiro indispensable en todos os congresos, o meu mellor conselleiro e tamén o maior crítico.

Cando chegou o momento de arrendar o estudio en Vigo, o meu pai tivo que asinar o contrato porque a min non mo alugaban. Eran outros tempos para as mulleres, non podiamos facer nada, tiñamos que estar sempre tuteladas por un home; para viaxar, para sacar o carné de conducir, para abrir unha conta no banco... sempre tiña que vir teu pai, teu marido, un irmán... A figura masculina era a que tiña a autoridade.

Cando eu comecei non había moitas mulleres, pero si coñecín a algunhas, como a miña nai, que traballaban con homes e para eles; elas non podían asinar as súas fotos. Eu, ao ter xa un estudio independente, empecei a participar nas asociacións de fotógrafos, que comezaron a funcionar cando vin para Vigo, e foi así como empecei a ir aos congresos, que foron un grande avance para a profesión.

Unha nai que traballaba na casa

Cando cheguei a Vigo, no 1953, xa tiña ao meu primeiro fillo. Tiven que buscar un lugar onde puidese atender o estudio e a familia ao mesmo tempo. Aquela situación tiña vantaxes e inconvenientes. Por un lado, permitíame estar cerca dos meus fillos, compartir momentos con eles no estudio e velos crecer ao meu lado, independentemente do traballo que tivese que facer; nas fins de semana e festivos, aínda que non puidese saír con eles por causa do traballo no estudio, cando volvían sempre me atopaban na casa.

Pero xuntar traballo e crianza tamén tiña os seus problemas, porque traballabamos con produtos químicos. Unha vez esquecín recoller unha cubeta con negativos no cuarto de baño, e o meu fillo Carlos, que era moi pequeno, entrou e meteu os dedos para xogar coa xelatina que flotaba na auga. Así que, cando quedou baleiro o primeiro piso, aproveitei a oportunidade para quedar con el e comunicar os dous andares cunha escaleira interior que xa me deu máis amplitude para o estudio e a vida familiar.