Acordo da Deputación e o Concello de Vigo para un novo plan de mellora da mobilidade urbana

A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres o convenio presupostado en preto de 700.000 euros para a mellora da seguridade viaria en viarios de sete parroquias

21/12/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un novo convenio co Concello de Vigo para a execución dun plan de mellora da mobilidade urbana, a través da renovación da capa de rodadura dunha decena de viarios municipais, situados en sete parroquias do rural. O orzamento destas actuacións ascende a un total de 673.195€, dos que a Deputación aportará segundo o convenio 537.113e e o Concello os restantes 136.081€.

A través destas actuacións para  mellorar a seguridade viaria, renovarase o aglomerado e rehabilitarase o paquete de firme en toda a lonxitude dun total de nove viarios, situados nas parroquias de Cabral (rúa Penis), Teis (rúa Párroco d0n Serafín e rúa Cantabria), Lavadores (rúa Fonte Escura e Camiño de Sabaxáns), Sampaio (Camiño de Sampaio de Abaixo), Bembrive (rúa Parrocha), Candeán (Camiño de Besada) e San Xoán (rúa Vista do Mar).

Este novo convenio súmase as actuacións que se desenvolven na cidade ao abeiro do convenio 21-23 Concello-Deputación, algunhas xa en obras como  a fase 4 da humanización de Martínez Garrido, xa executada nun 60%; ou a transformación da avenida de Castelao entre Martín Echegaray e Doctor Darío Durán. Están en licitación a mellora de firme da avenida de Fragoso, a mellora da pavimentación das rúas do Carme e Cesáreo González, a das rúas Padre Seixas e Porriño, da rúa Nigrán e da avenida Atlántida. Amais, a fase 1 da recuperación de Samil xa está en fase de aprobación, mentres os proxectos da humanización de San Roque, as actuacións do Vigo Vertical en Juan Ramón Jiménez ou na rúa Aragón licitaranse proximamente. Finalmente, o proxecto de cubrición do patio do CEIP Javier Sensat adxudicarase en próximas datas.

Polo demais, a actuación da grada de Marcador do Estadio de Balaídos, na que participan Concello e Deputación, está executada ao 80%, mentres que no capítulo de infraestruturas, xa está asinado o convenio para a continuidade das actuacións para a cesión ao Concello da titularidade da EP-2001 Calvario-A Garrida. En canto ao convenio para as obras de mellora das interseccións e acondicionamento no entorno da EP-2003 (estrada do Vao), está en trámite o expediente de contratación.