A Deputación organiza este xoves unha xornada sobre agricultura en Caldas de Reis para as persoas usuarias do servizo de teleasistencia

A xornada está dirixida ás máis de 70 persoas usuarias do servizo nos concellos de Barro, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga

22/11/2023

A Deputación de Pontevedra organiza este xoves 23 de novembro en Caldas de Reis unha xornada de dinamización no marco do programa “Cidadanía Activa-Rede MaiorES” do servizo de teleasistencia domiciliaria, que se desenvolve por medio dun convenio de colaboración entre a institución provincial e os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Á xornada están convocadas as máis de 70 persoas que empregan na actualidade este servizo nos concellos da contorna, concretamente en Barro, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga. Terá lugar no auditorio municipal de Caldas de Reis ás 11:00 horas, cunha duración aproximada dunha hora, e xirará arredor da dinámica da agricultura.

A sesión consistirá nun coloquio sobre a terra e a agricultura como parte da identidade do pobo galego, que non só supuxo unha forma de traballo senón que servía coma nexo de unión entre as aldeas e a veciñanza, achegando así unha gran riqueza cultural entre os núcleos de poboación. As persoas usuarias poderán asistir tanto soas como cunha persoa acompañante e durante a xuntanza poderán coñecerse e compartir experiencias.

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra chega, na actualidade, a un total de 641 persoas en todo o territorio da provincia. O servizo, que se presta desde 1998, está destinado a persoas maiores ou discapacitadas que vivan soas ou a aquelas que estean acompañadas e teñan as súas facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.