A Deputación e a Xunta crean dous grupos de traballo específicos para axilizar as transferencias do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería

Quedou constituída a Comisión Mixta de Seguimento do Protocolo do pasado mes de xullo co obxectivo de completar o traspaso ao longo de 2023

11/10/2022

Comisión Mixta de Seguimento

A conta atrás para a transferencia do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería dende a Deputación á Xunta de Galicia segue avanzando. A Comisión Mixta de Seguimento quedou constituída nunha xuntanza celebrada no Pazo Provincial, na que tamén se acordou a creación  de dous grupos de traballo específicos para axilizar ambos cambios de titularidade, co obxectivo de poder culminalos ao longo do próximo ano, 2023.

A Deputación e a Xunta, que se reuniron en formato presencial e telemático, decidiron tamén que a Comisión Mixta manterá xuntanzas periódicas mensuais, sen prexuízo de que os pasos máis relevantes poidan abordarse, se é necesario para cumprir co calendario previsto, con convocatorias extraordinarias. Preténdese deste xeito despexar o camiño ata as respectivas aprobacións dos órganos administrativos competentes do decreto que regulará a transferencia da Escola de Cantería e do seu persoal, así como do convenio polo que o Pazo de Lourizán pasará a mans da Xunta de Galicia.

A Comisión Mixta de Transferencias quedou integrada por catro persoas: pola Deputación están  Carlos Cuadrado, secretario xeral, e Martín Giménez, coordinador de Réxime Interno; mentres que pola Xunta toman parte a directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila. A presidencia da comisión será rotatoria entre as dúas Administracións. Na primeira xuntanza xa se estudou a documentación presentada por ambas partes, fundamentalmente pola Deputación, e definiuse a que falta por incorporar.

Coa constitución desta Comisión Mixta dáse cumprimento ao previsto no ”Protocolo para a Transmisión da titularidade da finca de Lourizán e da Escola de Cantería de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia”, asinado o 6 de xullo de 2022, entre a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, mentres que a posta en marcha dos grupos de traballo é froito do consenso entre ámbalas dúas partes.

O grupo de traballo específico para a transferencia do Pazo de Lourizán quedou integrado, por parte da Xunta, polo director da Axencia Galega de Industria Forestal, Jacobo Aboal, e a directora da Área de Innovación Forestal da Axencia, Montserrat Rodríguez. Ao grupo de traballo para a transferencia da Escola de Cantería incorpóranse, en representación da Xunta, a vicesecretaria xeral da Consellería de Educación, Elena Barca, e o subdirector xeral de Recursos Humanos da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, José Luis Canosa. A Deputación optou por designar a catro representantes que poden asistir, indistintamente, a ámbalas dúas comisións: Antonio Torrón, técnico de Xestión Económica; María Jesús Torres, xefa do servizo de Recursos Humanos; Concepción López, xefa do Servizo da Escola de Cantería e de Medio Ambiente e a viceinterventora provincial, Susana Escaloni.