Aldara Rico: “nas escavacións de Santa Clara atopouse material orgánico, ósos, madeiras e téxtiles que na Galiza non se soen conservar”

A responsable de Restauración no traballo de campo do convento subliñou a colaboración “activa” do Museo para conservar os achados en boas condicións

29/11/2022

SANTA CLARA TERCEIRA CHARLA

A igrexa de Santa Clara foi hoxe escenario dunha nova charla organizada pola Deputación e o Museo de Pontevedra para explicar os traballos de escavación realizados no convento nos últimos meses. ‘Compoñendo puzzles’ foi o título escollido pola responsable de Conservación e Restauración, Aldara Rico, que destacou que os achados no terreo foron excepcionais, entre outras cousas porque no traballo de campo se atoparon moitos elementos orgánicos (madeiras, ósos e téxtiles) non habituais noutras escavacións galegas polas características xerais do terreo no país.

Rico falou de todos os materiais atopados nas escavacións, dende o momento no que apareceron, como se procesaron durante a escavación  e unha vez rematada esta, na fase de laboratorio. Explicou os materiais orgánicos, o tratamento das laudas e dos enlousados, de cerámicas, metais, vidros e líticos (material pétreo), ou outros artefactos ornamentais ou tipo ‘plomadas’ que apareceron non relacionados co material construtivo.

Segundo a especialista os enterramentos descubertos tiveron moita importancia e tamén así os materiais vencellados a estes enterramentos, nos que apareceron metais, téxtiles e madeiras asociadas ás tumbas, alfinetes, un sudario, as madeiras dos ataúdes, e cravos con restos de madeira. “En Galiza é difícil de atopar iso polo tipo de chan que temos. Non se soe conservar o material orgánico. Neste caso si aparece, que é algo a destacar, así como a variedade e tipos de materiais”, subliñou.

En concreto, Rico explicou que foi destacable atopar un sudario nunha das tumbas. Apuntou que non se sabe con exactitude o tecido porque estaba totalmente mineralizado. “Sabemos que era orgánico (liño  ou algodón) moi sinxelo, e queda a ‘impronta’ e a forma, pero xa nada de material orixinal, agora é mineral que foi substituíndo e mantén a forma que tiñan as fibras. Conservouse arredor do cranio, que é o que mellor se conserva nos restos de Santa Clara. O resto dos ósos das defuntas están en moi mal estado de conservación”, destacou, adiantando algún dato da conferencia deste xoves.

Por outra parte, a responsable de Conservación e Restauración subliñou tamén a importancia da cerámica, que como xa se explicou en varias ocasións destaca pola grande variedade de procedencias. Salientou tamén o tamaño das pezas “que dá información que non é tan coñecida habitualmente e non soe aparecer habitualmente nas escavacións. Aquí podemos saber que tipo de obxectos son: se son tarteiras, pratos, tarteiras, formas das ‘anforetas’ de transporte. Os restos dannos información máis completas”.

Finalmente, Rico fixo fincapé, ademais de nos materiais, na interacción entre a empresa que fixo o traballo das escavacións e o Museo, que foi moi dinámica. “Houbo unha colaboración moi activa que favoreceu a conservación do material. Houbo materiais que foron enviados ao Museo tan pronto apareceron, como o sudario. Nós alí non tiñamos as condicións apropiadas pero o Museo asumiu a responsabilidade e inmediatamente o levou”, destacou.

As charlas en Santa Clara continuarán este xoves ás 19.30h coa doutora Olalla López e Clara Veiga. Ambas tratarán de dar datos do convento dende o punto de vista antropolóxico baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 18 resultados.