O Río Miño e O Río Soča, entre Italia e Eslovenia, exemplos de como os ríos fronteirizos poden ser ferramentas para conectar a cidadanía e os territorios

O AECT Rio Miño e o AECT Go, que contan cun protocolo de colaboración conxunto, celebraron unha sesión de traballo na que puxeron de manifesto os paralelismos de ambas zonas

09/11/2022

Uxío Benítez

Que teñen en común a zona transfronteiriza arredor do Río Soča na fronteira eslovena-italiana e a zona do Río Miño ao longo da fronteira galego-portuguesa? Segundo se puxo onte de manifesto na xornada de traballo organizada polo AECT Rio Minho e o AECT Go hai moitos paralelismos entre ambos territorios transfronteirizos e tamén moitos obxectivos conxuntos.

No seminario, que tivo lugar onte martes organizado dentro da ’XX Semana Europea das Cidades e as Rexións’ e no que participaron de maneira telemática máis de 60 persoas relacionadas con ambos territorios, descubriuse o papel económico e histórico dos ríos no desenvolvemento de ambas zonas, xa que estes  configuraron de maneira crucial o espazo transfronteirizo.

O taller naceu grazas ao protocolo de colaboración conxunto asinado hai uns meses entre ambas institucións transfronteirizas para traballar en común. Foi moderado por Nathalie Verschelde, responsable da unidade dos fondos Interreg da Comisión Europea, e participaron Romina Kocina, directora do AECT GO, así como Uxío Benitez, director do AETC Rio Minho, xunto a Isabel Estrada Carvalhais e Matjaž Nemec, do Parlamento Europeo.

A xornada estivo marcada por un feito chave, que ambas áreas están á vez divididas e unidas por un río transfronteirizo, arredor do que existen singularidades conxuntas tanto sociais, culturais, naturais, lingüísticas como marcadas relacións económicas que as distinguen de calquera outro territorio.

“Para nós o Miño é un elemento de unión, o centro dun territorio que abrangue máis de 376.000 habitantes, a fronteira máis poboada entre España e Portugal, e temos unha Estratexia 2030 para o seu desenvolvemento na que aspiramos a soster un catálogo de servizos conxuntos e a desenvolver os elementos que nos unen”, apuntou o nacionalista.

Entre os puntos máis destacados de debate tratouse a incidencia que deben ter os fondos europeos, defendendo novamente que o programa POCTEP, creado inicialmente na Unión Europea para desenvolver os territorios que sufriron e sofren as inconveniencias de seren fronteira, debe utilizarse principalmente para beneficiar a eses territorios e non ser deturpados con outros obxectivos, para outras institucións ou outros territorios lonxe da raia.

Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a necesidade de facer forza ante os estados centrais e a Xunta de Galicia, no caso do territorio miñoto. Criticou que esas administracións son xuíz e parte, xa que aspiran a fondos da UE e deciden que iniciativas se aproban á hora de repartir os fondos do POCTEP, nos que non hai concorrencia competitiva como nos Next Generation, e insistiu na necesidade de que se valoren os proxectos presentados polos axentes locais da zona.

Investimento Territorial Integrado

Benítez destacou que o AECT Rio Minho creouse para desenvolver de maneira conxunta o territorio formado por 10 concellos lusos e 18 galegos arredor do Miño, ao igual que tamén o fixeron en Eslovenia e Italia no AECT GO. Alí, debido á falta de instrumentos xurídicos adecuados para a elaboración dunha estratexia transfronteiriza común e á necesidade de abrir camiño para a creación de infraestruturas e servizos conxuntos, en 2011 os municipios de Gorizia, Nova Gorica e Šempeter-Vrtojba crearon o seu Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial.

O obxectivo consistía, explicou Romina Kocina, en planear un municipio transfronteirizo único e promover a idea de que a cooperación podería constituír unha certa oportunidade de desenvolvemento. Grazas a entidades decisoras políticas e a profesionais calificadas, o AECT GO tornouse un organismo intermedio e un beneficiario único do primeiro (e, actualmente, único) investimento territorial integrado (ITI) apoiado polo Interreg grazas ao que xestionan dez  millóns de euros para desenvolvemento na zona.

Segundo salientou Benítez, o AECT Rio Minho está a traballar tamén para conseguir un ITI semellante que permita reunir todos os fondos europeos, estatais e autonómicos e xestionalos segundo as necesidades e prioridades que marcan as entidades locais da zona.

Galerias de imagenes