O congreso Interlumes pon o foco no futuro da xestión forestal e nos usos do solo no espazo transfronteirizo para a loita contra incendios

Expertos e expertas de España e Portugal compartiron experiencias do proxecto europeo “que naceu para aumentar a resiliencia territorial para os riscos naturais dos espazos de cooperación a través do fortalecemento da extinción, prevención e resposta conxunta”

12/12/2022

congreso interlumes

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá o primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Solo, enmarcado dentro do proxecto europeo Interlumes de defensa contra incendios forestais na fronteira Hispano-Lusa, financiado a través do Programa de Cooperación Interreg V a España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e do que a Deputación é socia xunto coa Dirección Xeral Patrimonio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela e León, a Dirección Xeral de Política Forestal, Consellería de Agricultura, Desenvolvemento Rural, Poboación e Territorio de Estremadura, a ANECP – Autoridade Nacional de Emergência e Proteçao Civil de Portugal e as deputacións de Ourense, Salamanca e Zamora.

A deputada de Medio Ambiente e Fondos Europeos, Iria Lamas, lembrou durante a apertura desta xornada técnica que “as actuacións incluídas no Interlumes dan resposta ás fraxilidades territoriais que afectan ao espazo transfronteirizo e que son resultado da súa elevada exposición a diversos riscos naturais que a acción do ser humano adoita agravar”. Desta maneira, coa posta en marcha do programa europeo búscase “contribuír a un aumento da resiliencia territorial para os riscos naturais dos espazos de cooperación a través do fortalecemento da extinción, prevención e da resposta conxunta”, así como a “un incremento na capacidade de resposta de medios de extinción que favorezan un despregamento máis áxil e rápido na loita contra incendios nos nosos bosques”. Para tal fin, ao longo deste proxecto realizáronse diversas actuacións, entre as que a deputada provincial destacou o reforzo da capacidade operativa de resposta transfronteiriza fronte a loita contra os incendios forestais, a través da “construción da primeira base aérea fronteiriza, a mellora e adecuación de infraestruturas e a dotación de medios”. Ademais, deseñouse “un plan de acción conxunta para a extinción de incendios coa elaboración dun protocolo conxunto” e se levou a cabo “formación e sensibilización” a través de “cursos, xornadas e congresos” como o organizado pola Deputación de Pontevedra.

No Congreso, moderado pola coordinadora do proxecto Interlumes, María Honorina Barrio Blanco, expertos e expertas do territorio nacional e de Portugal en materia presentaron diferentes accións e experiencias no ámbito da xestión forestal e da extinción de incendios. O subdirector xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do Goberno, Guillermo Fernández Centeno, expuxo a Estratexia Forestal Española (EFE) horizonte 2050, o documento de referencia en política forestal no Estado. Pola súa banda, Lídia Guitart, enxeñeira forestal e xerente da Asociación de Propietarios Montnegre i el Corredor (Barcelona), relatou a experiencia desta asociación na aplicación da xestión para a adaptación ao cambio climático dos bosques mixtos. Ademais, Bruno Antunes, coordinador-rexional do Norte, da Axencia para a Xestión Integrada de Lumes Rurais (AGIF), compartiu a experiencia co sistema de xestión integrada de lumes rurais en territorios transfronteirizos.

A xornada continuou coa intervención de Virginia Carracedo Martín, xeógrafa e doutora pola Universidade de Cantabria, que falou do despoboamento rural e o cambio climático, incidindo nos combustibles forestais; Óscar Sánchez Morán, xefe do servizo de Medio Ambiente da Deputación de Salamanca, que relatou a experiencia na colaboración entre territorios para mellorar a loita contra os incendios forestais, e, por último, Alberto Cerrillo, CEO da empresa Vexiza, explicou como os sistemas de información xeográfica (SIG) se teñen convertido nunha ferramenta de grande utilidade á hora de loitar contra incendios.