Luisa Sánchez inaugura as obras de reforma da Casa Consistorial de Crecente financiadas pola Deputación

A institución provincial achegou 50.000 euros para posibilitar a adecuación do inmoble na súa zona de entrada, permitindo un mellor acceso ás persoas con mobilidade reducida

21/06/2024

Luisa Sánchez inaugura as obras de reforma da Casa Consistorial de Crecente

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, inaugurou este venres as obras de reforma da Casa Consistorial de Crecente, uns traballos que acadaron unha achega de 50.000 euros no plan de cooperación municipal da institución provincial. Grazas a estes recursos, Crecente puido facer fronte a unha importante adecuación das súas dependencias municipais, concretamente na zona de acceso ao edificio e no seu vestíbulo principal.

A vicepresidenta da Deputación lembrou que esta zona é “a primeira toma de contacto coa cidadanía” e, polo tanto, estas actuacións “son cruciais porque, ademais de favorecer a imaxe do municipio, debemos por unha banda garantir que o persoal municipal traballe nas mellores condicións posibles, e pola outra pensar en todos eses veciños e veciñas que se achegan aquí para realizar os seus trámites administrativos, consultas ou reunións co persoal municipal”.

As obras consistiron en intervencións de tabiquería (realización dun trasdosado autoportante na fachada principal do salón de plenos e disposición dun biombo no tabique de delimitación do salón de plenos co vestíbulo), acabados (falso teito, pavimento, pintado e alicatado das dependencias), carpintería exterior e interior e renovación das instalacións (electricidade, iluminación e fontanería dos aseos). Entre elas, Luisa Sánchez salientou especialmente a dotación dunha rampla accesible “para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder con comodidade a este edificio”. A este respecto, a vicepresidenta da Deputación lembrou que ata o próximo mércores está aberto o prazo de solicitude das axudas do novo programa “Pontevedra, provincia +inclusiva” para financiar actuacións de accesibilidade entre as entidades sociais.

Luisa Sánchez salientou que “somos o goberno do municipalismo e nunca antes os concellos desta provincia tiveron tanto protagonismo e poder como neste mandato da Deputación, poñendo todos os nosos recursos á súa disposición para que poidan avanzar nos seus proxectos”. A vicepresidenta lembrou outras actuacións financiadas pola institución provincial en Crecente, como os 30.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para a remodelación da piscina municipal, ou preto de 200.000 € no +Provincia para a renovación dos equipamentos do campo de fútbol e actuacións de pavimentación, así como case 100.000 € para a contratación de 7 persoas.

Galerias de imagenes