Luis López urxe ao Concello de Pazos de Borbén a asinar o convenio de mellora da estrada Amoedo – Os Valos 135 días despois do seu envío

Anuncia o envío dunha carta ao goberno municipal para coñecer o estado no que se atopa a tramitación do proxecto

06/09/2024

Luis López na conferencia de prensa do 6 de setembro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, urxiu este venres ao Concello de Pazos de Borbén a asinar o convenio de mellora da estrada EP-2702 Amoedo – Os Valos despois de 135 días transcorridos desde o seu envío ao goberno local. “Hai 135 días que enviamos ao Concello un convenio para unha obra na que a Deputación investirá un millón de euros”, explicou López, un tempo no que a institución provincial reservou o orzamento necesario para executar esta obra e “corriximos as numerosas deficiencias no proxecto herdadas do anterior goberno”. A Deputación enviará unha carta ao goberno municipal para coñecer o estado no que se atopa a tramitación do proxecto.

O presidente provincial lembrou que el mesmo se reuniu co alcalde o pasado 29 de maio, nun encontro no que “obtiven o compromiso de poñer a disposición os terreos para poder executar a mellora, unha mellora que os veciños seguen reclamando”. Desta maneira, nas súas palabras, trátase dun millón de euros de investimento “necesario e importante e bloqueado por unha soa sinatura”. Por iso, instou ao Concello “a cumprir a súa parte, mentres que nós seguiremos traballando para que esta obra chegue a ser unha realidade”.

Como exemplo, Luis López lembrou os tempos transcorridos ata a sinatura dos convenios de obras en estradas provincias noutros concellos, como o da actuación EP-1002 A Magdalena-Aldán, en Cangas, con 20 días; un mes para a sinatura do convenio das obras na contorna da igrexa de San Sebastián de Cabeiras, en Arbo, tres días para a EP-9701 Baión András, en Vilanova, ou 15 días para a mellora da mobilidade peonil na EP-5005, en Crecente.

“Sen ningún ánimo de confrontación, estes son os feitos. Imos entrar no último trimestre do exercicio orzamentario e como Administración precisamos saber se Pazos de Borbén vai priorizar esta obra”, concluíu o presidente provincial.