“Leo”, recuperado no Caan tras un atropelo, atopa un novo fogar coa muller que o rescatou

O podenco, que ten dous anos, foi operado dunha fractura nunha perna no Centro de Acollida e Adopción de Animais da Deputación

 

27/12/2022

can Leo

Só dous meses despois de que chegara en grave estado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, “Leo”, un podenco de dous anos de idade atopou neste decembro un novo fogar, precisamente no mesmo concello no que fóra recollido tras sufrir un atropelo, As Neves, e coa mesma persoa que o atopara tirado na estrada, Sara Salazar. Amais de desfrutar da súa nova vida, “Leo” está xa recuperado das múltiples contusións e da grave fractura de fémur que lle ocasionou aquel accidente.

Sara Salazar atopou a “Leo” tirado e ferido nunha beiravía o 11 de outubro, cando circulaba por unha estrada no lugar de Vide e o animal foi trasladado ao CAAN, onde o equipo de veterinarios constatou, tras estabilizalo, que tiña unha fractura de fémur na súa pata esquerda. Foi operado con éxito no propio centro e tralo período de convalecencia, tan pronto como se recuperou regresou ao concello das Neves xunto á muller que o atopou. “Eu xa vira o can días antes pola zona –sinala Sara-. Estaba como perdido, como se o abandonaran. E foi idea do meu xenro quedarme con el. Nós temos xa outros dous cans pequenos e enseguida se adaptou a estar con eles”.

A nova dona do podenco sinala que, aínda que xa está acostumado aos outros animais cos que convive nunha casa con finca, o proceso de adaptación vai máis lento coas persoas. “Non se deixa acariciar, non se acerca... Pero esperamos que pouco a pouco vaia gañando confianza”, explica. Quizais é o único que lle falta á historia de “Leo” para ser unha completa historia de Nadal.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.