Isabel Couselo lembra que a mellora da estrada Amoedo – Os Valos non pode comezar ata que o Concello de Pazos de Borbén aprobe o convenio, valorado nun millón de euros

A deputada de Infraestruturas aclara que, entre a documentación remitida polo Concello o 31 de xullo, non consta a acta de aprobación do acordo

09/09/2024

A deputada provincial responsable da área de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, lembra que o proxecto de mellora da estrada EP-2702 entre as localidades de Amoedo e Os Valos, no termo municipal de Pazos de Borbén, non pode comezar ata que o Concello aprobe o convenio de colaboración entre ambas as administracións e que está valorado nun millón de euros. Logo de 139 días de espera, a responsable de Infraestruturas urxe ao goberno local a rubricar o acordo posto que “quedan menos de catro meses para executar o orzamento do 2024”.

Neste sentido, Couselo aclara que entre a documentación remitida polo concello o pasado 31 de xullo non consta a acta de aprobación do convenio, un documento imprescindible para iniciar a execución do proxecto. “Sen aprobación non hai proxecto. Sen convenio aprobado os veciños non poderán ver mellorada a estrada”, sostén a deputada provincial, quen sinala que “o alcalde de Pazos de Borbén sabe perfectamente que non está a facer os deberes no que respecta á mellora da estrada Amoedo- Os Valos. Mentres a Deputación reservou un millón de euros para responder a esta demanda dos veciños —paso que non deu o goberno anterior en oito anos—, o Concello é incapaz de aprobar o convenio para executar a obra, nunha situación de bloqueo inexplicable”.

O retraso na aprobación do convenio contrasta coa axilidade na tramitación doutros acordos do mesmo tipo con outros concellos da provincia. É o caso de Cangas, onde o Concello remitiu á Deputación en só 20 días o convenio asinado para a mellora da estrada de A Madalena. O mesmo ocorreu en Crecente, cunha espera de 15 días; en Vilanova, que o reenviou en tres; ou en Arbo, que o fixo chegar nun mes. “Hoxe cúmprense 139 días. O goberno de Pazos está a poñer escusas sobre os terreos para non facer o traballo que si realizan noutros concellos”, contrapón Couselo.

Por este motivo, desde o departamento de Infraestruturas instan ao rexedor de Pazos de Borbén, Luciano Otero, a que aprobe canto antes o convenio. “Os veciños de Pazos de Borbén non merecen que se poña en risco un investimento tan necesario e importante”, concluíu a deputada Isabel Couselo.