O Palacete das Mendoza acolle desde este venres a mostra “Cuando el alma se hace paisaje” de Ángeles Mera
Trátase dunha colección pictórica intimista e melancólica que se poderá visitar ata o próximo 16 de xullo na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas
29/06/2023
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 30 de xuño a exposición “Cuando el alma se hace paisaje”, unha colección pictórica elaborada pola artista Ángeles Mera e que estará dispoñible na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o próximo domingo 16 de xullo.
“Cuando el alma se hace paisaje” é unha recompilación de cadros sinxelos, intimistas e cun punto de melancolía, próximos á realidade e con referencias inmediatas ás paisaxes da Galicia rural e mariñeira, pero á vez con ápices de indefinición e de evanescencia. Trátase dunha colección moi persoal na que as paisaxes están exentas de grandilocuencias nin monumentalidades, senón que máis ben simulan documentos. A súa sinxeleza plásmase a través dos verdes neutros, amarelos ocasionais e laranxas aurorais, cores elaboradas dun xeito paciente e amoroso na soidade do seu estudo.
A exposición pode visitarse nos horarios habituais da sala de exposicións do Palacete das Mendoza: de luns a venres, en horario continuo entre as 9:00 e as 21:00 horas. Os sábados, domingos e días festivos, o horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.