Éxito “total e absoluto” da Deputación en Fitur coa campaña “Orixe Rías Baixas”

Carmela Silva: “A presentación da nosa campaña non puido ter mellor acollida. Foi a máis seguida no stand de Turespaña e ningunha outra institución tivo este número de persoas seguíndoa presencialmente e a través das redes sociais”

24/01/2023

Rolda de prensa

A participación da Deputación en Fitur foi, en palabras da presidenta Carmela Silva, “un éxito total e absoluto”. Contou coa participación de medio millar de persoas no stand de Turespaña, que abarrotaron o auditorio para coñecer, de primeira man, “Orixe Rías Baixas”. “A presentación da nosa campaña non puido ter mellor acollida –asegurou a presidenta -. Foi a máis seguida no stand de Turespaña e ningunha outra institución tivo este número de persoas seguíndoa presencialmente e a través das redes sociais”. O “extraordinario” lanzamento de “Orixe” en Fitur, que por streaming sumou outras 1.500 persoas, foi o tiro de saída á campaña promocional da provincia no 2023, que prevé unha potente acción de marketing na estación de metro madrileña de “Nuevos Ministerios” en marzo e unha campaña online anual.

A presidenta tamén puxo en valor a participación por vez primeira en Fitur Screen, coa presentación da provincia como plató de cinema. “Foi a máis seguida das celebradas, contando coa asistencia de persoas como a produtora galega Chelo Loureiro, a presidenta de CIMA Cristina Andreu, a representante de CIMA en Galicia Marta Villar, o produtor pontevedrés Daniel Froiz -xunto ao cal avanzamos a participación de “Matria” na Berlinale-, e tamén de representantes doutras Film Commission do Estado e localizadoras e produtoras nacionais e internacionais”. Tamén destacou a presenza no “I Fitur Sport Tourism Summit”, onde o proxecto deportivo da institución foi seleccionado como exemplo de boas prácticas a nivel estatal, e fixo fincapé nos galardóns de calidade e sustentabilidade para o Museo de Pontevedra, así como na renovación das “Q” para o castelo de Soutomaior, as oficinas de Turismo Rías Baixas e as da rede Info Rías Baixas.

Impacto en redes sociais e campaña para o 2023

Dende o 10 de xaneiro ata a actualidade a campaña acumula 2,8 millóns de impactos entre redes sociais e medios dixitais e un total de 6,8 millóns de impactos potenciais, e #orixeriasbaixas tivo máis de 2 millóns de impactos potenciais. Pola súa banda, dende o xoves día 20 e ata o 24 de xaneiro, “Orixe” tivo 1,7 millóns de impactos na rede e case 4 millóns de impactos potenciais, e #orixeriasbaixas acadou os 1,4 millóns de impactos potenciais. A presidenta detallou que entre as contas máis activas e de maior alcance atópanse a da Deputación, Turismo Rías Baixas, Turespaña, Fitur e IFEMA. Amais, en canto á visualización dos vídeos, tanto “Orixe”, como o de Nova Galicia Danza en Carboeiro ou o de “Pontevedra provincia, plató de cine” e “Sport Rías Baixas, siente la experiencia”, acumulan máis de 43.200 visualizacións nas redes institucionais, e o alcance é de medio millón de impresións.

O lanzamento de “Orixe” en Fitur supón a saída da campaña de promoción a provincia no 2023. “Será potentísima –explicou a presidenta- e chegará a todo o Estado e a nivel internacional, a través de medios online e offline, con creatividades específicas de recursos do noso patrimonio inmaterial que nos diferencian, poñendo de manifesto a nosa cultura, tradición e lendas”.

Para a planificación da campaña a Deputación ten realizado un estudo do perfil do público interesado no turismo cultural descubrindo que 9,4 millóns, o 80% do público obxectivo, consume internet e medio exterior. Deste xeito, para dar resposta ao estudo de mercado, realizarase unha campaña en exterior a través dunha “acción de marketing espectacular en Madrid que consiste na denominación completa do vestíbulo da estación de metro Nuevos Ministerios a través da cal agardamos máis de 2 millóns de impactos”. Tamén se empregará internet como canle fundamental, redes sociais como Facebook, Instagram, Youtube e –este ano como novidade-TikTok, e plataformas de compra programática, así como revistas de turismo especializadas.

A campaña de promoción de Pontevedra Provincia desenvolverase en dúas ondas. A primeira dende marzo ata xuño, e accións online entre maio e xuño, e a segunda de setembro a finais de ano. Prevense uns 15 millóns de impresións, 75.000 clics e 3,5 millóns de visualizacións dos vídeos.

Reunións coa ministra de Turismo e presidentes de Renfe e Paradores

Durante a participación da Deputación en Fitur a presidenta mantivo un encontro de traballo coa ministra de Turismo, Reyes Maroto, coa que intercambiou información sobre os novos plans de sustentabilidade que se van poñer en marcha “de xeito inmediato”, amosando o seu interese “por seguir recibindo recursos para poñer en valor un sector turístico sostible na provincia”. Ademais, Carmela Silva tamén participou na presentación realizada pola ministra española e o ministro portugués da “Estratexia Sostible Transfronteiriza” na que se identificaron áreas de traballo de turismo cultural, natureza, activo, gastronómico e enoturístico. “Quedei encantada porque imos un paso por diante, temos o noso propio proxecto, Visit Río Minho, elaborado polo AECT Río Miño, que ten eses obxectivos que formula agora a Estratexia Sostible Transfronteiriza”, asegurou Carmela Silva quen aproveitou para recordar que Río Miño foi seleccionado como unha das cino rexións piloto europeas para participar no lanzamento de “Construír rexións transfronteirizas máis resilientes”.

A presidenta tamén asinou un convenio co presidente de Renfe, Isaías Táboas, para espallar “Orixe” en trens de AVE e Longa Distancia e conversou co presidente de Paradores, Pedro Saura, quen a informou sobre os investimentos que a entidade está a realizar na provincia, que no 2022 ascenderon a máis de 8 millóns de euros, 5,5 procedentes dos Next Generation para o Parador de Baiona e outros 3 de fondos propios do Plan de Investimentos de Paradores que supón 1,5 millóns para o de Pontevedra, 200.000 para o de Cambados e 66.000 para o de Tui.

Ademais, a institución participou nas presentacións de destinos locais, mancomunidades e GDR da provincia e mantivo reunións de traballo con numerosas empresas. “Quero agradecer ao Clúster de Turismo de Galicia, Feprohos, Ruta do Viño, e ás asociacións de Sanxenxo, Vigo e Pontevedra –informou Carmela Silva-, que estiveron alí promovendo a nosa provincia e recoñecer a CN Travel e Interrías, que tiñan un enorme stand, cheo sempre de xente, e que me informaron que se no 22 melloraron os resultados previos á pandemia o 23 vai ser un ano excelente”.

audios