Luis López salienta os máis de dous millóns de euros postos a disposición do Concello por parte da Deputación para acometer investimentos clave no municipio

O mandatario provincial e a rexedora Paula Fernández comprobaron o remate da obra de mellora da mobilidade e seguridade viaria da EP-7201 entre Cachafeiro e Silleda

08/08/2024

Luis López reúnese coa alcaldesas de Silleda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os máis de dous millóns de euros que o ente provincial pon a disposición do Concello de Silleda para realizar investimentos clave no municipio a través de diferentes liñas de cooperación, como o plan +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou mediante convenios de colaboración. Así llo trasladou o mandatario provincial a alcaldesa Paula Fernández nun encontro institucional que tivo lugar este xoves na casa consistorial de Silleda na que analizaron asuntos de interese mutuo para ambas as institucións e que tivo lugar despois de comprobar o remate das obras de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria entre Cachafeiro e Silleda, nunha obra valorada en 800.000 euros, dos que a Deputación achegou 640.000 euros.

A reunión de traballo entre Luis López e Paula Fernández serviu tamén para avanzar no proxecto compartido para a mellora dos viarios EP-6502 e EP-6505 que permitirán mellorar o subministro eléctrico do mosteiro do Carboeiro, unha actuación necesaria para executar o proxecto de musealización deste templo que impulsa a Deputación.

O encontro entre os dous mandatarios tivo lugar despois da visita á estrada EP-7201 entre Cachafeiro e Silleda para comprobar o remate das obras iniciadas a finais do pasado mes de xaneiro e que rematouse o 30 de xuño, dous meses antes do prazo marcado. Acompañado pola deputada provincial de Infraestruturas, Isabel Couselo; a rexedora e responsables da obra, Luis López percorreu parte dos 1,5 quilómetros nos que se mellorou a seguridade viaria coa construción dun itinerario peonil nunha estrada pola que camiñan a diario moitos peóns, pois dá acceso a un centro educativo. Así mesmo, a obra serviu para implantar elementos de calmado de tráfico, mellorar o firme, pintar nova sinalización horizontal e mellorar os servizos de iluminación, recollida de pluviais e saneamento.

Por outra banda, o presidente da Deputación analizou coa rexedora as distintas liñas de colaboración que están abertas entre as dúas administracións. Ao abeiro do Plan +Provincia, a Deputación ten aprobada unha achega de 950.000 euros para este ano, dos que 622.000 correspóndense coa Liña 1 de investimentos deste programa e que permitirá facer realidade a mellora de camiños municipais en Manduas e Refoxos (370.000€), a mellora das infraestruturas parque empresarial Área33 (30.000€), a ampliación do parque infantil en Bandeira (58.000€), a mellora de camiños en Breixa, Saidres e Laro (43./00€), a balaustrada do parque da Igrexa de Silleda e novos elementos do parque biosaudable de Pedrosas (6.400€), a mellora do camiño en Casamaría – Rabo de Gato (20.100€) e a adquisición dun remolque e unha trituradora (20.100€).

Ademais, a través da Liña 2 do +Provincia, de apoio ao gasto corrente dos concellos, Silleda recibe 119.400 euros para gastos de exercicios pechados e 73.800 euros, para servizos enerxéticos e de mantemento do alumeado. Mentres que da Liña 3 de fomento do emprego, aprobouse unha subvención de 165.000 euros para a contratación de dez persoas.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas impulsado polo goberno de Luis López servirá tamén para investir 64.000 euros na instalación de diversos módulos para a práctica do skate, así como para a instalación dunha pista multideporte.

Outro programa provincial do que se beneficia o Concello de Silleda é o PON2030, polo que o presidente Luis López asinara un convenio o pasado mes de decembro nun encontro institucional co anterior alcalde Manuel Cuiña e que servirá para mellorar a mobilidade peonil e a rexeneración urbana da Avenida Recinto Feiral e da Rúa Arturo Pérez Lázara cun invetimento de 900.000 euros, dos que a Deputación achegará 760.000 euros.

Un encontro institucional que transcorreu nun ambiente de cordialidade e lealdade institucional e que sirve para avanzar no municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación, que busca mellorar os servizos e as infraestruturas para a veciñanza a través dunha comunicación fluída e unha vontade de colaboración leal cos concellos de toda a provincia.

Galerias de imagenes