Luis López confirma que a provincia de Pontevedra recibiu en xullo preto do 40% dos visitantes que acudiron a Galicia

O presidente da Deputación afirma que, segundo o INE, a ocupación foi un 2,2% superior á de xullo do 2023

30/08/2024

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, debullou en conferencia de prensa algúns dos datos pechados de turismo correspondentes ao mes de xullo. Trátase de información facilitada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que reflicte que a provincia de Pontevedra recibiu en xullo deste ano preto do 40% dos visitantes que acudiron a Galicia. “Dito doutro xeito, dous de cada cinco visitantes que se achegaron á nosa comunidade viñeron a Pontevedra a vivir e gozar das experiencias 100% Rías Baixas”, remarcou Luis López.

O presidente provincial tamén detallou que o 74% dos turistas residían en España fronte ao 26% de estranxeiros que viñeron en xullo. Ademais subliñou que, segundo o INE, o mes de xullo tivo unha ocupación superior ao mesmo período do 2023, cun 2,2% de incremento. “Entendemos –remarcou Luis Lopez– que en agosto seguirase a mesma liña ou mesmo os resultados serán superiores, pero temos que esperar a finais de setembro para coñecer os datos definitivos que nos remite o INE”.

En canto a agosto, o presidente da Deputación adiantou a información recompilada polo servizo de Turismo Rías Baixas que recolle datos de visitantes ao Palacete e aos Castelos. No caso do Palacete das Mendoza foron 6.600 as persoas que se achegaron en agosto para solicitar información turística da provincia, o 83% residentes en España, principalmente de Madrid, Barcelona e Valencia, e o 17% estranxeiros, encabezando o ránking os franceses, seguidos dos portugueses e italianos. Pola súa banda visitaron os castelos de Soutomaior e Sobroso máis de 8.500 persoas (7.250 Soutomaior e 1.250 Sobroso) e percorreron algún dos Camiños de Santiago que atravesan a provincia 21.000 peregrinos, sendo o máis empregado o portugués (11.800), seguido do portugués pola costa (8.000), a vía da prata (860) e o camiño de inverno (300).

videos

audios