Areeiro insiste na necesidade de vixiar as viñas polo alto risco de mildio e, se é preciso, aplicar un tratamento cando as plantas estean secas

A Estación Fitopatolóxica alerta no seu novo aviso fitosanitario do avance na presenza de síntomas do black-rot nas viñas

25/06/2022

aviso fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que insiste na súa recomendación de vixiar de xeito intensivo as viñas ante as condicións favorables para o avance do mildio e, de ser preciso se sigue avanzando a enfermidade, aplicar un novo tratamento ás plantas cando estean secas. Neste senso, a EFA sinala que as condicións meteorolóxicas dos últimos días foron favorables ao patóxeno e parte das predicións consultadas continúan a dar choivas en forma de chuvascos para os vindeiros días, de xeito que de cumprirse seguirase nunha situación de risco moi alto.  De aí a recomendación de seguir vixiando as viñas e aplicar un tratamento se é necesario cando non haxa risco de choiva na hora seguinte a rematar e tampouco vento que arrastre o produto fóra da área a protexer. Areeiro lembra tamén que é importante alternar produtos cuxas materias activas teñan diferentes modos de acción para minimizar as resistencias.

Por outra banda, o aviso fitosanitario advirte tamén dun gran avance na presenza de síntomas de black-rot nalgunhas viñas do Condado, tanto nas plantas abandonadas coma nalgunhas tratadas próximas a aquelas outras. Este avance produciuse na folla pero especialmente nos acios, que están dentro do período crítico. Areeiro sinala que de persistir as condicións tan húmidas, a enfermidade poderá causar perdas de colleita, polo que precisa que é importante empregar sempre funxicidas antimildio e/ou antioídio que tamén estean rexistrados para usar contra esta enfermidade, alternando tamén modos de acción dos produtos.

Tamén alerta dun maior risco para o oídio nos vindeiros días, se suben as temperaturas e os chuvascos non son fortes ou desaparecen, de xeito que a EFA recomenda que cando se realicen as intervencións antimildio débese aplicar tamén un funxicida antioídio preferiblemente da mesma casa comercial para evitar posibles incompatibilidades e/ou menor eficacia dos produtos.

Ao marxe da viña, o aviso fitosanitario refírese ao salgueiro. Neste senso, a principios deste mes Areeiro xa advertiu que en diferentes árbores de ribeira dalgunhas zonas comezaban a ser notorios os síntomas da alimentación dos escaravellos crisomélidos.  Tamén en diferentes novas se falaba “do secado” este ano do salgueiro común Salix atrocinerea. O persoal de Areeiro detectou esta semana no Rosal un río onde se daba esta circunstancia, e confirma que, polo menos nese caso concreto o “secado” se debía a estes escaravellos, que nesta época están nunha etapa de proliferación ben notoria.
 

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 23 resultados.