Arranca “Transitar o impensable” para reflexionar sobre cidade, feminismo e deseño
Carmela Silva: “As cidades non se construían tendo en conta ás mulleres, á metade do mundo, e por iso se cometeron graves erros. Se fosen deseñadas pensando nas nosas necesidades serían máis humanas e amables”
21/10/2022
Con reflexións sobre cidades feministas, a utilidade do deseño, as achegas da perspectiva de xénero ao espazo público o cidades soñadas, vén de arrancar na pontevedresa avenida de Montero Ríos “Transitar o impensable”, o “potente” programa impulsado pola Rede Española de Asociacións de Deseño en colaboración coa Deputación, que xurde ao abeiro do Encontro Nacional de Deseño. A presidenta provincial, Carmela Silva, a concelleira de Pontevedra Anabel Gulías e a presidenta da Rede Española de Asociacións de Deseño, Uqui Permui, abriron as portas ao espazo efémero, a modo de triángulo negro, dende e no que se desenvolverán as charlas, conferencias e obradoiros que compoñen o programa. Todas as actividades espallaranse ata o 24N, e porán o aceno no deseño urbano con perspectiva de xénero.
No acto de inauguración, Carmela Silva sinalou que “as cidades non se construían tendo en conta á metade do mundo, ás mulleres, e así se cometeron os erros que se perpetraron. Se fosen deseñadas pensando nas nosas necesidades serían máis humanas e amables”. Neste eido, a presidenta fixo fincapé no carácter “transformador” do programa, “que nos sitúa á vangarda e ocupa o espazo público cun triángulo que se enche de feminismo, de mulleres que están de pe, no centro, con propostas con forza para permear todo o que se constrúe”.
Pola súa banda Uqui Permui, presidenta da Rede Española de Asociacións de Deseño e deseñadora do espazo vertebrador de “Transitar o impensable”, explicou que o proxecto nace no marco do Encontro Nacional de Deseño, para “desenvolver unha metodoloxía para crear lugares máis sostibles e accesibles, onde poidamos vivir mellor e deseñados con perspectiva de xénero”. Para conseguilo e referíndose ao espazo onde se programarán as actividades, Uqui Permui detallou que “decidimos que sería unha boa opción recuperar o triángulo, un elemento que estaba xa deseñado e producido para a campaña En Negro contra as violencias”.
“Transitar o impensable” espallarase ata o 24N cun completo calendario de obradoiros, charlas e iniciativas participativas e colaborativas sobre cidade, feminismo, deseño e urbanismo con perspectiva de xénero. Todas as actividades terán lugar no espazo triangular situado na avenida de Montero Ríos, en cuxas caras exteriores se poderán observar dioramas visuais e escribir reflexións con xiz sobre “unha cidade feminista é…”, “o deseño serve para…”, “a perspectiva de xénero achega…”, “o espazo público deber ser…” e “a miña cidade soñada ten…”. No interior do triángulo atoparase un mural creado de xeito colaborativo baixo a dirección da ilustradora Antonia Santolaya co título “Se o podes imaxinar, é posible”, no que se recollen reflexións e ideas sobre a introdución da perspectiva de xénero no deseño e planificación do espazo público.
As charlas e obradoiros de comezarán o 29 de outubro co obradoiro de gráfica feminista a cargo de Uqui Permui no que se analizarán gráficas feministas realizadas desde os anos setenta e, mediante o collage ou a rotulación, deseñará unha peza gráfica para constituír un imaxinario feminista. O 5 de novembro terá lugar a charla “Cal é o teu impensable?” da man da educadora social e divulgadora Rosa Millán, que falará sobre Ángela Ruiz Robles, a mestra que pasou á historia por inventar e patentar no 1949 un libro mecánico que se considera o precedente do libro dixital. O seguinte sábado, 12 de novembro, Raquel Pelta ofrecerá unha conferencia sobre “Repensar a cidade. Miradas feministas”, para aproximarse á historia do deseño e como este pode beneficiar o urbanismo das cidades e a relación con elas. Pola súa banda o sábado 19 de novembro terá lugar o obradoiro de contrapublicidade feminista “Hackea o discurso”, a cargo de 7H Cooperativa Cultura, no que se falará das orixes e evolución do adbusting ou contrapublicidade, un movemento artístico baseado na crítica ao capitalismo. Tamén se porán en práctica estratexias discursivas para subverter, con creatividade feminista e técnica de collage ou poster art os estereotipos de xénero na representación simbólica da muller na publicidade. Finalmente, o 24 de novembro clausurarase o espazo e o programa cunha acción que recollerá os resultados de todas as iniciativas desenvolvidas durante “Transitar o impensable”.