A Deputación aproba o expediente de contratación para a mellora enerxética en instalacións aerotérmicas das Neves e Catoira

A actuación, cun orzamento de 115.000 € e cunha achega europea de máis de 100.000 € ao abeiro do programa DUS 5000, servirá tamén para reformar as instalacións hidráulicas e eléctricas existentes

18/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente de contratación dos traballos de mellora da eficiencia enerxética en instalacións de aerotermia sostibles en edificios municipais dos concellos de Catoira e As Neves. Esta actuación ten un orzamento de 115.000 € e conta cuncha achega de 102.821 euros ao abeiro do programa de axudas para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000). O obxectivo é a instalación de equipos de aerotermia conectados ás redes interiores de varios edificios co fin de aproximarse á descarbonización mediante o fomento das inversións en infraestruturas verdes, de maneira que se transite desde as enerxías fósiles ata un sistema enerxético limpo.

Nas Neves, cun orzamento de 52.412 euros, actuarase nos edificios da Escola Unitaria e da Escola Infantil de Dimo. As reformas que se van acometer servirán para reducir as emisións en case un 57% ao pasar de 42 a 18 kgCO2/m2 ao ano, o que fará que a cualificación enerxética pase de E a B en ambos edificios.

 Por outra banda, en Catoira a axuda de 62.491 euros servirá para actuar nos edificios do Concello e do Centro Cultural. No primeiro caso, as emisións reduciranse nun 55%, pasando de 32,9 a 14,8 kgCO2/me ao ano e a cualificación enerxética pasará de C a B. No que respecta ao Centro Cultural, as emisións pasarán de 36,1 a 15,7 kgCO2/m2 ao ano, unha redución de máis do 56%, o que fará que a cualificación enerxética pase de C a A. Ademais, todas as actuacións contemplan a reforma da instalación hidráulica e eléctrica existente e a incorporación de elementos terminais e distribución interior.