A Deputación supervisa en Ribadumia e Vilanova de Arousa os traballos de conservación de firmes na rede viaria provincial

Os deputados Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron as obras que se están a acometer na EP-9501 Ribadumia-A Grenla e na EP-9703 Vilanova de Arousa-Pontearnelas, cun custo estimado de máis de 70.000 euros

07/08/2024

Os deputados Isabel Couselo e Javier Tourís

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, e o deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, supervisaron este mércores en Ribadumia e Vilanova de Arousa dúas actuacións que a institución provincial está a acometer dentro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial. Os deputados visitaron as actuacións acometidas na EP-9501 e na EP-9703, cun custo estimado de 72.000 euros.

No caso de Ribadumia, onde os deputados estiveron acompañados do alcalde, David Castro, as obras na EP-9501 Ribadumia-A Grenla estanse a acometer ao longo de 410 metros, entre os puntos quilométricos 0+365 e 0+775 e cun coste estimado de 30.000 euros. Dentro do acordo marco, Isabel Couselo salientou que tamén se inclúen outras dúas actuacións, concretamente na EP-9511 Cabanelas-Ponte Arnelas e na EP-9505 Ramal da Igrexa de Barrantes, o que suporá un investimento total de 90.000 euros en Ribadumia.

En canto a Vilanova de Arousa, a Deputación está a executar os traballos de conservación na EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas, concretamente do punto quilométrico 3+000 ao 3+950. Cun custo estimado de 42.000 euros, esta actuación tamén inclúe as reparacións realizadas no tramo da estrada habilitado mentres se estaba arranxando a nova ponte de Santa Marta. No acordo marco tamén figuran a EP-9005 Corbillón-Tremoedo e a EP-9701 Baión-András, cunha inxección total de 110.000 euros da Deputación en Vilanova.

Os traballos do acordo marco consisten en operacións ordinarias e localizadas de conservación que permiten corrixir o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras. Está dotado de 4,4 millóns de euros para toda a provincia e o lote 3, no que están incluídos Ribadumia e Vilanova de Arousa (ademais de Barro, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas e Sanxenxo), ten un orzamento de preto de 650.000 euros.

Galerias de imagenes