A Deputación e a Xunta reúnen máis de 150 persoas para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo no primeiro encontro aberto á cidadanía

O presidente Luis López e o conselleiro Jose López agradecen a implicación da veciñanza e os axentes culturais por acudir a esta convocatoria e amosar o seu interese para a recuperación deste emblema arquitectónico vigués

17/09/2024

A Deputación e a Xunta reúnen máis de 150 persoas para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, Jose López; mantiveron esta tarde de martes un encontro con máis de 150 persoas para tomar nota das súas propostas e incorporalas á redacción do plan de usos do Teatro Cine Fraga no primeiro encontro aberto á cidadanía do que ambos os dirixentes destacaron a ampla asistencia, que demostra que "o Fraga conta con moi bos valedores", afirmou o dirixente provincial. No encontro, que tivo lugar na Delegación da Xunta en Vigo, participaron representantes do tecido asociativo e cultural, así como particulares da cidade de Vigo e do conxunto da provincia. "Vós ides definir a nova vida do Fraga e ides garantir que medre como un centro cultural referente para Vigo, a provincia, Galicia e todo o noroeste de España", subliñou López, nunha reunión na que tamén participou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez.

Antes de ceder a palabra aos asistentes, o titular do goberno provincial salientou a importancia desta reunión, "unha cita xusta", coa cidadanía viguesa e con membros da industria cultural viguesa para recibir a atención que merecen. Neste sentido, Luis López referiuse á implicación —"desde o minuto un en que o avanzou o presidente Rueda"— do organismo provincial na reapertura do Fraga como mostra do compromiso da Deputación coa cultura e o apoio ao sector cultural de Vigo e da provincia.

Así mesmo, Luis López fixo fincapé na vontade da Deputación e da Xunta de escoitar aos distintos estamentos da sociedade para elaborar o plan de usos para o cine Fraga dun xeito aberto e participativo. Un talante que tivo unha moi boa acollida por parte da cidadanía como demostran os centos de propostas recibidas na caixa de correos habilitada para deseñar o futuro do Cine Fraga.

Vigo, no centro da axenda investidora da Deputación

A necesaria colaboración institucional entre a Deputación e a Xunta para adquirir o inmoble por 9,3 millóns de euros para volver abrir as súas portas despois de máis dunha década sen uso é outro dos aspectos que destacou López durante o encontro. "A colaboración institucional é moito máis útil que a crispación, o Fraga é un exemplo", afirmou o dirixente. Unha aposta da Deputación polo cine Fraga que demostra que "Vigo está no centro da axenda investidora da Deputación", defendeu López. Un esforzo investidor na principal cidade de Galicia que non se limita unicamente ao Fraga senón que acada os 30 millóns de euros ao incluír a reforma da Grada de Gol de Balaídos ou as actuacións para as rampas de Pintor Colmeiro, a humanización de San Roque ou a mellora da accesibilidade en Juan Ramón Jiménez.

"Cumprir a palabra dada", resumiu Luis López as accións que está a levar a cabo a Deputación e a Xunta co Cine Fraga, que despois de formalizar a compra segue avanzando cara a súa reapertura, primeiro co inicio do proceso participativo e agora coa primeira reunión cos colectivos. "Imos en serio", insistiu o mandatario provincial, antes de dar as grazas a todos os asistentes por asistir a esta convocatoria, polo interese polo plan de usos e por manter a demanda de recuperar o Cine Fraga. "Deputación e Xunta estamos a cumprir o desexo de Vigo, rematou.

Galerias de imagenes