A Deputación incorpora aos fondos do Museo de Pontevedra dúas acuarelas realizadas en Galicia por Francisco Pradilla

Son dúas escenas de mercado datadas en 1872 e 1873, unha delas situada en Noia, que se unen á notable colección de pinturas e gravados deste artista que posúe o Museo

26/08/2024

Escena de mercado

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, acaba de mercar dúas obras asinadas por Francisco Pradilla y Ortiz, pintor aragonés cunha forte vinculación con Galicia e recoñecido como un dos expoñentes máis destacados da arte española do século XIX. Trátase de dúas acuarelas que presentan escenas de mercado e que foron realizadas en 1872 e 1873, esta última na localidade coruñesa de Noia.

As obras, que foron revisadas e estudadas pola directora do Museo, Ángeles Tilve, presentan un moi bo estado de conservación. A directora constatou a súa autenticidade pola sinatura presente nas obras e polas súas características formais, e tamén destacou o interese da incorporación destas obras para incrementar a colección do artista que posúe o museo provincial. Deste xeito, as novas adquisicións únense ás cinco pinturas, dúas augadas, 47 debuxos e bosquexos e catro estampas de Pradilla y Ortiz xa presentes nos seus fondos. Unha parte importante exhíbese na exposición permanente do Edificio Castelao, onde en 2021 se lle dedicou unha mostra conmemorativa polo centenario do seu pasamento.

Un día en el mercado de Noia

Francisco Pradilla y Ortiz (Villanueva del Gállego, 1848 – Madrid, 1921) foi especialmente coñecido polos seus cadros de historia, como ‘Juana la Loca’ no Museo do Prado, pero era tamén un excelente paisaxista. Visitou Galicia con asiduidade desde a súa primeira excursión artística no verán de 1871, e máis aínda desde o seu casamento en 1878 coa galega Dolores González Villar. As paisaxes, arquitecturas, tipos e escenas populares de Galicia foron unha fonte de inspiración constante na súa obra.

Neste contexto encádranse estas dúas acuarelas, asinadas e datadas polo artista en 1872 e 1873, quizais feitas ao natural e caracterizadas por unha pincelada solta, áxil e cargada de cor. Unha das dúas obras é unha vista do mercado no Curro de Noia, un lugar que reproduciu en varias composicións, entre outras nunha estampa que publicou ese mesmo ano en La Ilustración Española y Americana.