A Deputación supervisa a evolución das obras de urbanización da rúa Condesa en Barrantes, Ribadumia, nas que está a investir preto de 650.000 euros

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, percorreu xunto co alcalde da vila, David Castro, o tramo no que se desenvolverá “unha obra moi demandada polo Concello de Ribadumia, que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños”

03/06/2024

Urbanización da rúa Condesa en Barrantes, Ribadumia

A Deputación de Pontevedra supervisa a evolución das obras de urbanización da rúa Condesa en Barrantes, Ribadumia, nas que está a investir preto de 650.000 euros. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, percorreu xunto co alcalde da Vila, David Castro, o tramo no que se está a desenvolver a actuación que vai transformar o núcleo urbano de Barrantes, así como mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños.

Tal e como explicou a deputada provincial, Isabel Couselo, “trátase dunha obra moi demandada polo Concello de Ribadumia e na nova liña municipalista do Goberno provincial, como non podía ser doutro xeito, apostamos por dar resposta ás demandas dos concellos”. De feito, a actuación abrangue un tramo duns 300 metros no treito inicial da EP-9506 que une Barrantes e Vilariño, en pleno centro urbano da vila e nun espazo no que se concentran equipamentos deportivos e escolares da vila.

En liñas xerais, as obras consistirán na modificación do trazado da rúa da Condesa e na instalación de beirarrúas máis amplas, de formigón coloreado. Tamén se crearán zonas de estacionamento para dar servizo aos autobuses escolares que acceden ás instalacións deportivas da contorna e construirán pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria. A actuación completarase coa instalación da rede soterrada de telecomunicación e de alumeado, así como a renovación das luminarias existentes, a execución da rede de drenaxe, a creación de zonas axardinadas e a instalación de mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical.