Luis López asina coa presidenta do Pontevedra CF un acordo de colaboración para que “o equipo da capital da provincia continúe sendo un referente”

O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, recibiu a Lupe Murillo para asinar un convenio de colaboración para “achegar o noso gran de area” ao futuro “do noso equipo”, o Pontevedra

22/06/2024

Sinatura de convenio con Pontevedra CF

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o compromiso de colaboración do organismo provincial co Pontevedra CF a través da sinatura dun convenio de colaboración valorado en 160.000 euros, “o noso gran de area” para axudar ao club. Xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, o titular do goberno provincial recibiu no seu despacho á presidenta do club para asinar o acordo e analizar as circunstancias que afectan a entidade e seguir estreitando os lazos de colaboración entre as dúas entidades. “O Pontevedra é o principal patrocinador que temos na Deputación, é o noso equipo”, argumentou Luis López despois da sinatura.

Neste sentido, o presidente tende a man ao principal equipo deportivo da capital da provincia para seguir cooperando no futuro e agradece a vontade de colaboración que sempre tivo o club. “É moi doado colaborar co Pontevedra”, recoñeceu López agradecendo as “facilidades” ofrecidas para a organización en Pasarón o pasado mes de decembro do partido da Selección Española feminina.

Luis López quixo valorar tamén o traballo da presidenta Lupe Murillo ao fronte do Pontevedra, misión na que cumpre dez anos este 2024. “Está a facer un excelente traballo nun marco moi difícil como é a evolución que experimentou o fútbol, a xestión deportiva”, subliñou o mandatario provincial, quen se amosou a súa confianza en que o Pontevedra conseguirá o obxectivo do ascenso a Primeira RFEF, que este ano se lle escapou no último partido da tempada. “Estou convencido de que para a próxima tempada imos acadar ese obxectivo”, afirma Lopez.

Pola súa banda, a presidenta Lupe Murillo agradeceu o apoio da Deputación para “seguir facendo un club grande da man de todos os pontevedreses”. Ademais, tamén amosou a súa gratitude a Luis López pola “dedicación, por estar sempre pendente e por acompañarnos nalgúns partidos en Pasarón”. O presidente da Deputación, pola súa parte, comprometeuse a “seguir traballando para que o equipo da capital da provincia continúe sendo un referente”.

Galerias de imagenes