Rafa Domínguez presenta “Xulio Gil. Insercións” e remarca a calidade e beleza das pezas recollidas na publicación

O vicepresidente provincial subliñou que “esta nova publicación contribuirá a completar o amplo catálogo do servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra”

25/06/2024

Rafa Domínguez, Xulio Gil, e o artista Antón Sobral

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de presentar no Arquivo Provincial da Deputación “Xulio Gil. Insercións”, o catálogo da exposición que o artista colgou en maio deste ano no Museo Torres de Marín. Trátanse, tal e como remarcou Rafa Domínguez, de pezas de “grande calidade e beleza que sen dúbida algunha, contribuirán a completar o amplo catálogo do servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra”. No acto, ademais do vicepresidente provincial, participaron tamén o propio protagonista do catálogo, Xulio Gil, e o artista Antón Sobral.

O catálogo, con textos da filóloga Isabel Santos Davila, divide as obras de Xulio Gil en seis apartados: “Homenaxe a Xohana Torres”, “IA no bosque”, “Gastropatrimonio”, “Piñeiros”, “Vimbios” e “O mundo de Meijón”. Os cinco primeiros teñen como denominador común inserir nun espazo de natureza de carácter amable elementos subxectivos para acadar unha poética en ton non transcendente. O último, da a coñecer as intervencións de José Meijón, Pepiño para a veciñanza de Marín, nos cons e pedras da vila.

Xulio Gil

Licenciado en Matemáticas e docente, comeza a expoñer por vez primeira fotografías no ano 1974 e en 1976 cunha proposta netamente conceptual. En 2013 recolle o Premio da Critica de Galicia na modalidade de Artes Plásticas e ao longo da súa traxectoria ten publicado obras de autor con Méndez Ferrín, Carlos Casares ou Xela Arias, así como libros de arte para diferentes editoriais, unha delas dirixida por Antón Pulido. Ademais, ten exposto de xeito individual en toda Galicia, así como en Madrid, Barcelona, norte de Portugal e sur de Alemaña.

Galerias de imagenes