A Deputación traballa para impulsar un proxecto de divulgación do legado da arte da pedra en seco na provincia

Con “Arria e arxina: o legado da arte da pedra seca”, presentado á convocatoria da Secretaría de Estado de Cultura para proxectos de salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, a Deputación pretende transmitir e salvagardar este elemento patrimonial tan singular na provincia

20/06/2024

A Deputación de Pontevedra está a traballar para impulsar un proxecto para divulgar e salvagardar o legado da arte da pedra en seco na provincia. Trátase da iniciativa titulada “Arria e arxina: o legado da arte da pedra seca”, presentada á convocatoria da Secretaria de Estado de Cultura para proxectos de salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, coa que a institución provincial pretende transmitir e salvagardar este elemento patrimonial tan singular na provincia a través dun seminario, da publicación dunha guía ou de visitas guiadas ao patrimonio en pedra seca durante o 2025.

A pedra seca é patrimonio cultural inmaterial de Galicia que na provincia de Pontevedra ten un matiz singular ao manifestarse a través de construcións concretas como muros, alvarizas, muíños, neveiras, pombais, pendellos ou canles de augas e da propia tradición oral, co verbo dos arxinas que empregaban os canteiros. Deste xeito, “Arria e arxina: o legado da arte da pedra seca” pretende impulsar unha estratexia de salvagarda, transmisión e difusión participativa da pedra seca centrada nas comunidades rurais da provincia,  especialmente nos municipios de reto demográfico, que serva de acicate para unha maior conciencia social na protección deste patrimonio ao tempo que arroxe luz sobre as oportunidades de desenvolvemento social, sostible, turístico e cultural dos municipios en risco de despoboamento.

A Deputación de Pontevedra, a través deste proxecto, pretende desenvolver un seminario sobre “Arte construtiva da pedra seca: tradición, técnicas e materiais” co que se transmitirán as diferentes técnicas construtivas para garantir o coñecemento e desenvolvemento práctico nas tarefas de conservación e rehabilitación do patrimonio construído con esta técnica. Está previsto que na xornada participen arquitectos, investigadores, canteiros e artesáns para debater sobre a pedra seca como patrimonio cultural identitario da  provincia e da importancia da súa preservación e posta en valor.

Ademais, tamén está previsto elaborar unha guía divulgativa sobre a arte da pedra seca na provincia de Pontevedra. Esta publicación servirá para dar a coñecer os elementos representativos da pedra seca e diferentes aspectos relacionados co verbo dos arxinas e completarase con materiais dirixidos a desenvolver iniciativas turísticas e culturais, así como unidades didácticas, guías ou pequenos vídeos.

Finalmente prevese impulsar actividades de sensibilización e concienciación da poboación local, especialmente da xeracións máis mozas, a través de visitas guiadas ou comentadas que poderán ir acompañadas de accións demostrativas. Estas visitas está previsto que se acheguen a contornas das comarcas de Deza e Terra de Montes, así como do sur e centro da provincia, para dar a coñecer a arte da pedra seca a través das alvarizas, pontes, foxos, neveiras ou muros que hai espallados por Pontevedra con esta técnica.

A arte da “pedra seca” é unha manifestación cultural internacional que consiste na fabricación de construcións de pedra ao superpoñer unhas sobre outras sen empregar ningún outro material para a súa unión. Está declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO por “constituír unha testemuña dos métodos e prácticas empregados polas poboacións desde a prehistoria ata a época moderna, con vistas a organizar os seus espazos de vida e traballo sacando o máximo partido dos recursos naturais e humanos locais”.