Luis López marca un turismo sustentable, un territorio máis verde e unha economía circular como as prioridades de futuro para o Val Miñor

O presidente da Deputación, xunto cos deputados María Ramallo e Jesús Vázquez Almuíña, presenta a Axenda Urbana desta comarca, coa que aspira a captar fondos europeos para executar proxectos transformadores en Baiona, Nigrán e Gondomar

22/07/2024

Presentación da Axenda Urbana de Val Miñor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López,  segue amosando o interese do goberno provincial polos retos de futuro dos concellos e as comarcas, que pasan pola sustentabilidade en todos os eidos, coa presentación da Axenda Rural e Urbana do Val Miñor. Despois de presentar esta folla de ruta nas comarcas de Pontevedra e O Morrazo, Vigo, Deza, Caldas e O Salnés, o mandatario provincial participou este luns en Baiona para dar a coñecer as liñas mestras dun proxecto a medio prazo que buscan unha comarca do Val Miñor “máis sustentable no económico, no social e no medioambiental”, afirmou Luis López, nun acto no que participou tamén a deputada de Cooperación Local, maría Ramallo; así como o alcalde de Baiona e responsable de Asistencia aos Concellos e Administración Xeral, Jesús Vázquez Almuíña; ademais dos rexedores de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González.

Para conseguir este obxectivo, na comarca do Val Miñor elaborouse, en colaboración cos concellos e os axentes sociais, unha detallada diagnose para identificar os obxectivos a conseguir na vindeira década. Unha estratexia sobre a cal Luis López, quixo poñer en valor o traballo realizado polo alcalde e deputado Vázquez Almuíña. “El impulsou este documento desde a Deputación”, agradeceu. Un documento que, segundo resumiu o presidente provincial, persegue “un Val Miñor máis verde, apostar pola dixitalización para conseguir unha xestión dos servizos máis eficiente, adoptar unha economía circular, prestando especial atención ao saneamento, o abastecemento, a enerxía e a xestión dos residuos; unha mobilidade que aposte por un transporte menos contaminante, que favoreza a mobilidade peonil e limite o uso do vehículo particular; buscar solucións aos problemas de vivenda e, por suposto, un desenvolvemento económico que estará relacionado cun turismo sustentable, respectuoso co medio ambiente e desestacionalizado”.

Unha carreira para a transformación dun territorio conformado polos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar na que a comarca parte con vantaxe. “Estes concellos forman o que en Europa identifican como unha Área Urbana Funcional e esta comarca do Val Miñor cumpre á perfección cos requisitos que esixe a Unión Europea para a vindeira convocatoria de Fondos Feder”, declarou o mandatario provincial, quen destaca a existencia de lazos comúns no económico, social, medioambiental e cultural, así como uns retos, obxectivos e fortalezas comúns entre os tres concellos.

Colaboración institucional

Neste sentido, a Deputación será un colaborador fiel para o desenvolvemento e execución deste tipo de proxectos. Obras como as que se porán en marcha proximamente en Baiona para a recuperación da Praza Victoria Cadaval, froito dun convenio entre o Concello e o goberno provincial para o investimento de 600.000 euros e outras obras similares xa comprometidas en Gondomar e Nigrán. “Son proxectos que ben poderían estar enmarcadas nesta Axenda Rural e Urbana que impulsamos desde a Deputación porque son iniciativas que coidan e poñen o medio ambiente nun primeiro plano”, afirmou López, quen reafirmou o compromiso do seu goberno de escoitar aos rexedores. “Antes de tomar calquera decisión escoitamos e poñemos en común os proxectos a desenvolver cos alcaldes. Ese é o camiño para construír unha provincia, máis forte, máis competitiva e máis moderna”, subliñou o mandatario provincial.

O acto, que tivo lugar no Multiusos de Sabarís, en Baiona, contou cunha breve introdución sobre o contido da Axenda Rural e Urbana da Deputación a cargo da deputada de Cooperación Local, María Ramallo. “A nosa vontade é deseñar un modelo de desenvolvemento urbano e rural para ser unha provincia máis sostible, resiliente, inclusiva e segura. Unha provincia adaptada aos grandes retos e desafíos do presente e do futuro”, destacou a deputada, quen participou tamén nun coloquio cos alcaldes dos tres concellos do Val Miñor sobre as oportunidades que ofrece a cooperación a través desta figura de Área Urbana Funcional.

O presidente da Deputación foi o encargado de pechar a xornada cunha reflexión sobre a importancia de deseñar estratexias de futuro para a provincia a través desta Axenda Rural e Urbana. “É unha estratexia transversal que recolle os desafíos que temos que afrontar e as oportunidades que debemos aproveitar. Unha estratexia da que teñen que formar parte non só a Administración local, tamén o tecido asociativo e empresarial da provincia, un proxecto de futuro centrado na atención ao noso medio rural e en desenvolver todo o potencial das nosas cidades e unha folla de ruta marcada pola sustentabilidade na industria, no turismo, na mobilidade e no urbanismo. En definitiva, unha axenda para construír un Val Miñor e unha provincia concienciada co medio ambiente, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de primeira calidade”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes